Menu Xerais

Sete días pola Costa da Morte: «Cita en Fisterra», de Luís Rei Núñez. Entrevista co autor

A edición de Carballo de La Voz de Galicia publicou unha entrevista de Mar Varela con Luís Rei Núñez,  a raíz da publicación de Cita en Fisterra.

 

«A gran materia pendente é aprender a coidar o patrimonio»

Criado entre Muros e A Coruña, Luís Rei asegura que sente a Costa da Morte como o seu territorio natural. O xornalista acaba de publicar Cita en Fisterra (Xerais, 2011), unha novela onde un viaxeiro vai de Muros a Caión en sete días.

Para o autor, Fisterra non se limita a un termo municipal, senón que se refire a todo un territorio ao que denomina o Condado do Solpor.

A publicación non é unha descrición das fermosas paisaxes da costa. Máis ben convértese nunha crítica á falta de respecto aos recursos. Rei Núñez é consciente de que «a actividade económica é fundamental, pero débese harmonizar co respecto polo medio natural». Non sé refire só ao feísmo ou ao urbanismo desmesurado, senón tamén á piscifactoría de Touriñán e á falta de coidado do legado de Man ou das obras de Urbano Lugrís expostas na Confraría de pescadores de Malpica. Por iso cre que «a gran materia pendente é aprender a coidar o patrimonio». Lonxe de culpar unicamente aos políticos, afirma que «están postos aí polos cidadáns, polo que a responsabilidade é de todos».

Para o escritor, o futuro da zona pasa pola pesca «como vén sendo secularmente» e o turismo. Por iso, «corremos o perigo» de que aqueles que deciden rematar o Camiño en Fisterra «pola compoñente mítica que ten alcanzar a fin da terra» se sintan decepcionados ao chegar e «atoparse algo pouco coidado e que non responde ás expectativas» que portaban na súa mochila.

UN CAFÉ CON… LUÍS REI NÚÑEZ

-¿Que lle gustaría ler no xornal?

-Por exemplo, sería unha boa nova ler que en Galicia rematou a emigración.

-A felicidade é…

-Estar a ben con un mesmo e rodeado das persoas que queres e ás que queres

-¿É máis de falar ou de escoitar?

-De escoitar.

-Unha frase que repite moito.

-Algo que lle aprendín ao meu avó: «Ollo á boia».

-¿Os seus zapatos favoritos?

-Calquera que sexan cómodos, para camiñar bastante.

-De non ser xornalista, tería sido…

-Arquitecto ou xeladeiro, facendo xelados á maneira italiana.

-¿Versión orixinal ou dobraxe?

-Depende. Non se pode negar que é máis cómodo ver as películas dobradas, pero a visión que obtemos é un pouco incompleta porque non está aí a voz dos actores.

-¿Usa Internet no móbil?

-Non, o certo é que son bastante negado para eses aparellos.

-Se puidera vivir outra vida, sería…

-Eu mesmo e cometendo os mesmos erros.

-¿Que toma no descanso de media mañá?

-Só auga do tempo. Non aguanto moito a vida nocturna e polo tanto esperto moi cedo. A esa hora só tomo auga.

Mar varela

Comentarios pechados