Menu Xerais

Artigo de Víctor Freixanes sobre os «Sonetos de Shakespeare»

O escritor Víctor Freixanes publicou en La Voz de Galicia un artigo sobre sobre a tradución dos Sonetos de Shakesperare, feita por Ramón Gutiérrez Izquierdo.

Shakespeare Love

O profesor Gutiérrez Izquierdo vén de publicar en Xerais a súa versión galega dos 154 sonetos de William Shakespeare (edición bilingüe), unha das obras máis enigmáticas, frecuentadas e difíciles da literatura universal, documento excepcional para coñecer a biografía íntima do autor inglés e un dos grandes cumes dese xénero marabilloso e ás veces inescrutable que é a poesía. Os Sonetos de Shakespeare, publicados contra o final da vida do poeta (1609), considéranse un dos grandes desafíos de gozo e interpretación tanto para lectores como para críticos e tradutores.

A proposta do profesor Gutiérrez Izquierdo é dobre. A través de Xerais chéganos a versión en galego: pulcra, esixente, requintada, mesmo con vacilacións e solucións arriscadas que os especialistas han de saber xulgar. Complementariamente, o mesmo tradutor publica en Visor a súa versión en castelán, tamén en edición bilingüe, de xeito que os lectores temos nas mans os tres idiomas: inglés, castelán e galego, guiados pola mesma autoría. Hai tempo que non chega a nós un traballo tan meritorio.

Non vou entrar nas versións que se nos ofrecen. O meu coñecemento do inglés, e máis concretamente do inglés de Skakespeare, é limitado. O que me interesa salientar é a significación da versión galega: fito importante da nosa produción editorial e da nosa madurez, na traxectoria dos grandes desafíos que, ao longo da nosa historia contemporánea, veñen producíndose para dar a coñecer de primeira man, sen intermediacións, as grandes obras da literatura universal. ¿Como non lembrar a aposta de Otero Pedrayo, cando en 1926 presentou na revista Nós os primeiros textos do Ulises de James Joyce, que agora están a concluír en galego, por certo, Eva Almazán, Xosé María Sainz e Xavier Queipo, obra na que veñen traballando dende hai anos e que esperamos poder ofrecer aos lectores en breve? ¿Ou a tradución de Heidegger que no seu día (1956) nos deron Celestino Fernández de la Vega e Ramón Piñeiro? Por non citar fitos históricos como a Crónica Troyana, no século XIV, ou outros máis próximos: a versión de O principiño de Saint-Exúpery publicada por Carlos Casares en 1972; a tradución de El Quijote que coordinou no seu día Valentín Arias, o cancioneiro italiano e occitano, ou a Divina Comedia, de Darío Xohán Cabana, a Ilíada e a Odisea de Evaristo de Sela, a colección de clásicos greco-latinos que dirixiu durante anos o profesor Manuel Díaz… Camino Noia ten publicado traballos importantes sobre a historia das traducións ao galego.

Non é a primeira vez que aparece a obra de Shakespeare no noso idioma. Penso nos traballos de Miguel Pérez Romero, por exemplo. Non se trata de ser exhaustivo. Estou a citar de memoria. A tradución de obras universais e contemporáneas á nosa lingua é unha das conquistas dos últimos anos, proba de madurez da nosa literatura. Esta nova achega, unha auténtica xoia, non merece pasar desapercibida.

Víctor Freixanes

Comentarios pechados