Menu Xerais

Teresa Moure entrevistada por «A Nosa Terra»

César Lorenzo entrevista a Teresa Moure nas páxinas d’ A Nosa Terra con motivo da publicación d’ A Intervención, a quinta novela da monfortina. Recollemos un fragmento das palabras de Teresa, que se poden ler na súa totalidade na edición impresa do semanario:

«Eu quixen poñer en práctica a idea central deste libro. Pero faltoume o apoio dun grupo de amigos con ganas de seguirme. Debo ter pouca forza de convicción. Así que, aproveitándome do poder da literatura, plasmei o meu desexo nunha novela. Penso que hai que buscar xeitos de participación política distintos aos habituais ou tradicionais. Cómpre procurar formas de intervención na sociedade que produzan cambios reais. Velaí a idea dos personaxes da novela e velaí, en parte, a miña visión da literatura. Nese sentido, cada libro pode ser un artefacto que faga abalar certas cousas que non me gustan. Pero opino que isto é extensíbel a outros eidos. Na educación aínda segue a haber un modelo de coñecemento xerárquico e alleo á realidade de fóra das aulas que precisaría unha mudanza absoluta.»

O vindeiro sábado, 29 de maio, ás 13:00 horas, Teresa Moure lerá o pregón da Feira do Libro de Ourense. No serán do mesmo día, ás 20:30 horas, presentará A intervención na carpa da feira ourensá, acompañada do editor Manuel Bragado

Comentarios pechados