Menu Xerais

Transitar un camiño cheo de revelacións e insurxencias: «A boca da terra», de Manuel Rivas. Crítica de Ramón Nicolás

Ramón Nicolás publicou en La Voz de Galicia unha recensión crítica sobre o libro de poemas A boca da terra, de Manuel Rivas.

 

O «ex libris» da terra

Volve transitar Manuel Rivas polo xénero da poesía e faino cun espléndido libro no que se interroga e nos interroga arredor dos conceptos do esquecemento, da natureza e a insurxencia

A necesidade de expresarnos e lembrar, o poder da linguaxe e o cruzamento incesante de camiños que a vida é, percorren este discurso poético de Manuel Rivas que casa, en feliz confluencia, o popular, os haikus e as luzadas surrealistas.

As composicións abeiradas nun primeiro grupo -inspirado nunha cita de Camões- falan da «terra que se esconde», suxerindo as descubertas posibles que impactan no cerebro e mais no corazón para deseñar, con rapidez e intensidade, unha cartografía onde o espazo protagonista é a natureza que poboa o ser humano: a terra adquire corporeidade, fala e berra transmitindo o «rumor da Historia», sen esquecer aqueloutros espazos concretos -Monelos, Zas, Sabucedo, Monte Pindo, Soesto…- sobre os que tamén hai algo que transmitir pois, ao nomealos, os segredos que atesouran nin se perden nin se esquecen.

Na segunda sección –A báscula de Ohio– os obxectos aprópianse da virtude da evocación, desvelándose os ángulos da memoria máis íntima que abraza unha poderosa vontade de subversión imaxinativa para que a ironía, a carón dunha relectura crítica de tradicións, crenzas ou lugares comúns, revele con forza a súa dimensión máis hipnótica. Un conxunto de prantos ou lais, cheos de intensidade emocional, conclúen un libro vibrante e, non o dubido, con vocación de permanencia.

Da escola dos peripatéticos dicíase que os discípulos aprendían paseando e escoitando. Este A boca da terra paréceme, alén da súa fascinante enxeñaría metafórica do latexo reflexivo tantas veces real e doloroso que o goberna, fermosamente peripatético: con el aprendemos ao transitar un camiño cheo de revelacións e insurxencias e, de agasallo, emociona.

Ramón Nicolás

Comentarios pechados