Menu Xerais

«Trece noites, trece lúas» de Antonio Reigosa en Trafegando ronseis: un «paquete bomba» para o Nadal

O blog Trafegando ronseis publica unha anotación de sobre Trece noites, trece lúas, de Antonio Reigosa, con ilustracións de Noemí López.

 

O ano 2011 pasará á miña historia persoal e profesional como un dos mellores. Entre todas as cousas boas que me pasaron foi coñecer, grazas aos premios Xerais, a Antonio Reigosa, con quen conectei deseguida. E iso, a pesar dunha das miñas habituais meteduras de pata, que el soubo obviar con moi bo sentido do humor. Creo que este é, precisamente, o que máis nos une, unha retranca propia do país que algúns semellan esquecer.
Así que o outro día recibín un paquete-bomba das súas partes que me conmocionou. E viña sen guión de instrucións!. Porque se eu, que non sei moito do espazo exterior, abro algo así, comprenderedes que non teño nin idea de que uso debo darlle. Como chegar a dominar as marabillas do Nadal? Por tanto, fiteino, cheireino, deille varias voltas… e púxenme a lelo. Perdón, minto. Mirei as ilustracións. Que lle vou facer, é un defecto meu, as ilustracións sempre me poden. E estas son desas que me encantan, ocupando a dobre páxina (lástima de dobradura), a toda cor, exquisitas, abondosas, cheíñas… con ese selo persoal gozoso de Noemí López, a quen tiven a sorte de coñecer cando en Silleda organizaramos as primeiras xornadas de Ilustración.

Total, que como seguía sen entender que era aquilo, procedín á súa lectura -é un defecto meu-. No paquete, ademais, de vir sen palabras, non constaba tampouco se debía proceder á abertura do mesmo soa ou con alguén. Quixeron os fados, ou as lúas, que estivese soa, porque todo este proceso tan perigoso sempre pode ser contaxioso. E con isto da crise é mellor aforrar en medicamentos.
Ler isto supón ampliar cultura. Que ben me cómpre, certamente. Porque algo aprenderemos sobre mitos, ritos e tradicións do nadal galego. Este nadal pouco auténtico que se converteu fundamentalmente nunhas festas consumistas pero que Reigosa explica facendo un percorrido das trece lúas entre o 25 de decembro e o 6 de xaneiro. Por exemplo, eu acabei sabendo o porqué do bacallau da miña sogra… pero tamén comprenderemos como fomos perdendo os costumes de noso para comer uvas e brindar con cava.
Total, que cando rematei, por fin descubrín que é un libro-alfaia, un deses libros que ocupan un lugar preferente nos meus andeis -por varios motivos- e volvín a lembrar que necesitaría un andel-expositor para que se visen libros coma este dende lonxe.
E por primeira vez neste blogue, a información sobre o libro vén ao final, despois de decidir que Reigosa ben merece unha entrada diferente, co meu aprezo incuestionable. Sei que estará a sorrir arestora.
Estou a falar, lectores avispados xa o sabedes, de Trece noites, trece lúas. Libro das marabillas do Nadal, con texto de Antonio Reigosa e ilustracións de Noemí López, publicado magnifícamente pola editorial Xerais.

Comentarios pechados