Menu Xerais

Un clásico universal da literatura de aventuras: «A illa misteriosa», de Jules Verne. Crítica de Francisco Martínez Bouzas

Francisco Martínez Bouzas publicou no seu blog Novenoites unha recensión crítica da novela A illa misteriosa de Jules Verne. 

 

Jules Verne en galego

Nada novo, agás algunha pequena e anacrónica esaxeración como as do enxeñeiro Cyrus Smith que con catro miudallas é capaz de construír calquera cousa por difícil ou complexa que sexa, cabe dicir verbo de  L’Îlle Mystérieuse, a novela de Jules Verne, publicada desde o 1 de xaneiro de 1874 ata o 15 de decembro do ano seguinte, como novela por entregas en Magasin d’Education et de Récreation, e nun so volume en novembro de 1875; considerada  por moitos como a obra mestra do narrador nado en Nantes. Pola contra, de non poucas valoracións e consideracións é merecente A illa misteriosa, editada en galego por Edicións Xerais en tradución de Ánxela Gracián.

A novela forma parte dunha triloxía xunto con Les Enfants du capitaine Grant (1867-68) e  Vingt mille lieus sous les mers (1869-70). Jules Verne achéganos con grande mestría un amplo relato ateigado de misterio, de sucesos alleos a toda lóxica, no que se reflicte a admiración pola ciencia aplicada, tan presente en toda a súa obra de heroes positivos, susceptibles de contribuíren ao desenvolvemento moral do lectorado mozo. Resulta superfluo  tracexar unha breve sinopse dunha trama argumental que acompañou á iniciación  na lectura de novelas en formato longo de tantos adolescentes e protexeu a súa soidade imaxinativa con abondas doses de ficción, aínda que for noutro idioma  e sen ningún protagonismo feminino, nin sequera nos desexos e pulsións dos protagonistas, perdidos e fechados ben de tempo na illa Lincoln. Mais os tempos son os que eran no século XIX e non se poden sacar as cousas de cacho.

Cómpre pór valor, pola contra, á edición en galego desta obra, un clásico universal da literatura de aventuras. Por varios motivos. En primeiro lugar, porque unha nova obra clásica é vertida ao galego, e neste caso podería acender paixóns lectoras. Mais aínda que así non fose, a tradución e publicación dos clásicos é un feito imprescindible, xa que son esteos e alicerces dunha lingua e dunha cultura que loita por sobrevivir, medrar e  acadar un grao aceptable de madurez. As obras clásicas da literatura universal, con independencia d seu xénero, son, como xa o teño dito ben de veces, os mananciais de reserva dunha lingua. Elas forman o noso substrato cultural. Sen ter o monopolio de nada, un proxecto editorial como o da edición deste libro por Edicións Xerais, é, xaora, unha contribución moi valiosa á literatura de noso. Cómpre agardar que a publicación de A illa misteriosa sexa o pródromo  dun proxecto máis cobizoso e do que xa forma parte Viaxe ao centro da Terra: unha Biblioteca Jules Verne.E en dimensións semellantes, o labor das tradutoras e dos  tradutores, persoas xeralmente anicadas no anonimato e que cando desenvolven o seu traballo con lealdade ao idioma orixinal e ao galego, fan posible o propósito  editorial e contribúen inequivocamente  ao enriquecemento e á vitalidade da cultura desta terra.

É pois de lei saudar a edición en galego deste libro, verdadeiro paradigma da literatura de aventuras.

Francisco Martínez Bouzas

Comentarios pechados