Un clima de suspense que atrae desde as primeiras páxinas: «Xa non estou aquí», de Iria Misa. Recensión de Alba Piñeiro
Alba Piñeiro publicou no blog Versos e Aloumiños unha recensión sobre a novela Xa non estou aquí, de Iria Misa, Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2016.
«Xa non estou aquí», de Iria Misa
Iria Misa principia a súa andaina na LIX coa publicación da súa primeira novela, Xa non estou aquí, gañadora do Premio Jules Verne, 2016.
Xa non estou aquí é unha novela coral que atrae a atención do lector dende as primeiras páxinas. E faino tanto dende a forma coma dende o contido, pois trata de sentimentos humanos universais contados polas diferentes perspectivas dos personaxes.A trama comeza cando Ánxela, a protagonista-confidente do lector e narradora en primeira persoa, desaparece. Será a propia Ánxela a que nos irá desvelando o que ocorreu para chegar á situación presente. Así descubrimos como a causa dun desengano amoroso xunto coa falta de comunicación cos seus pais, os febles alicerces da súa vida van esmorecer e provocar que teña que repetir 1º de Bacharelato.A través da súa voz e das persoas que formaban parte da súa contorna: familiares (pai, nai e irmán), amigos, compañeiros de clase… o lector vai adentrarse no mundo dos sentimentos desordenados da adolescencia na procura da identidade, da aceptación e pertenza a un grupo, da comprensión etc.
Novela que non busca adoutrinar pero si reflexionar sobre aspectos vitais propios da adolescencia, etapa na que se vai formando a personalidade e a capacidade para afrontar os medos, as incertezas, as inquedanzas, o desexo de coñecer o permitido pero tamén o prohibido.
A alternancia de narradores, que contan a súa versión, crea un clima de suspense á vez que imprime un ritmo acompasado polo emprego dunha prosa fluída e clara.
Comentarios pechados