Menu Xerais

Un libro para traballar a unión e a interacción de música e verso: «Eu ben vin, virivín», de Manuel Rico Verea. Crítica de Antonio García Teijeiro en «Versos e aloumiños»

Antonio García Teijeiro publicou no seu blog Versos e Aloumiños unha anotación sobre o libro: Eu ben vin, virivín, de Manuel Rico Verea, ilustrado por David Rodríguez.

 

«Eu ben vin, virivín», de Manuel Rico Verea

 

Cando vexo que sae do prelo un novo libro de literatura tradicional, síntome moi feliz. E se ese libro é un cancioneiro infantil para dicir, contar e cantar, a satisfacción multiplícase por mil.
Levo ben anos proclamando a quen me queira oír que a poesía debe entrar en voz alta nas aulas e nos fogares, que a literatura de tradición oral ten que ser o primeiro paso do alumnado á hora de tomar contacto coa poesía e que cantar con eles nas aulas (e nas casas) é unha actividade gozosa de incalculables beneficios.
Por iso saúdo con ledicia o libro Eu ben vin, virivín, dun home, Manuel Rico Verea, que leva moitísimo tempo – e con acerto- traballando neste eido fundamental para a formación da rapazada e de Nani García, un músico de moi alto nivel a quen non fai falta presentar. Entre ambos crean un documento sonoro (o libro contén un CD) que aproxima aos lectores e lectoras a novas referencias musicais coas melodías do cancioneiro infantil galego. Pero o conxunto de poemas sinxelos permiten, ademais de seren cantados, seren ditos en voz alta e gozar da palabra como elemento rítmico e engaiolante.
Achegarse ao cancioneiro, como din os autores, produce “unha sorpresa polo poder evocador das pequeñas composicións rítmico-literarias, polo seu valor pedagóxico e, sobre todo, polo proceso recreador ao que se ve sometido a través do tempo”.
    O libro está ateigado de rimas, de recitados, de fórmulas máxicas, de encadeados e de cancións máis representativas do cancioneiro de tradición que nos falan do mundo dos animais:
Xoaniña voa, voa
que che hei dar
pan de broa.
Xoaniña voa, voa
vai e tráeme
alguna nova.
Xoaniña voa, voa
que teu pai
vai en Lisboa.
Neste libro temos tamén un apartado de actividades didácticas das cancións, que permiten ao educador/a tirarlle moito proveito a cada tema. Actividades para coñecer curiosidades dos animais protagonistas, denominacións varias deses animais e nas súas páxinas  anímase a memorizar, a contar e a cantar temas fermosos e alegres. Posúe, ademais, una sinxela e marabillosa partitura e no disco hai posibilidades de interpretar en play back que o fan máis lúdico aínda.
Un libro para traballar a lingua, o ritmo das sílabas, a psicomotricidade e algo que eu defendo dende sempre: a unión e interacción de música e verso.
Unha alfaia, sen dúbida, o CD que trae o volume: un documento sonoro creado polo Obradoiro Experimental de Música Tradicional, formado por Manuel Rico e Nani García, que fan deste proxecto un luxo para a nosa literatura e a nosa lingua.
Conta ademais, cunhas vivas ilustracións de David Rodríguez, en cor, atraentes e suxestivas que envolven os textos de calor pictórica.
Imprescindible.

Comentarios pechados