Menu Xerais

Un libro que fará as delicias de lectores e lectoras.«Escarlatina, a cociñeira defunta», de Ledicia Costas. Anotación en Trafegando ronseis

O blog Trafegando ronseis publicou unha recensión crítica sobre Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas, Premio Merlín de Literatura Infantil 2014.

 

Escarlatina, a cociñeira defunta

Papeino, literalmente. Porque o Premio Merlín de Literatura Infantil 2104 vai diso, de papar. E se non o das dixerido, é mellor que probes outra cousa, algo menos noxento, que non veña do Inframundo sen arácnidos nin vermes… Aínda que dubido que alguén sexa quen de aturar sen comer o libro enteiriño, dun só bocado. Esa é a maxia deste Premio que nos ofrece Xerais da man dunha autora boa cociñeira e mellor reposteira: Ledicia Costas consegue en Escarlatina, a cociñeira defunta que ata teñamos fame. Fame desta boa Literatura para nenos e nenas; Ledicia sabe conxugar, mesturar, elaborar unha masa apetitosa e servírnola fría, ou quente, ou morna. Dá igual. Porque ela ten o punto collido á elaboración dos bos pratos literarios. Sabe como poucas meter letras, palabras, frases, exclamacións… e xuntalas, remuiñalas, batelas… conseguir unha pasta equilibrada que logo fornea con mimo, con interese, con tempo. E cando abrimos o forno, o cheiro a boa tinta confesa que de aí vai saír un libro gorentoso, apetitoso, suculento. Que fará as delicias de lectores e lectoras. Que conseguirá atraer ata aos máis teimudos á lectura. Ela é así: unha cociñeira de sorriso amplo e de dotes adubiadas, condimentadas, pochadas e estofadas para ter a punto un biscoito literario que fará lamberse os dedos da boa escrita literaria ao lectorado máis novo.
Non, non busquei un dicionario de cociña. Odio cociñar, prefiro comer. Igual me pasa coa Literatura.
Grazas, Ledicia, por tan suculento prato.
E a Xerais por esta coidada edición, onde as ilustracións de Víctor Rivas adubían asisadamente o texto e as receitas de cociña veñen incorporadas en follas doutra cor. Todo un acerto.

Comentarios pechados