Menu Xerais

Un libro que gustará á rapazallada: «48 horas», de Cándido Paniagua. Crítica en Trafegando Ronseis

O blog Trafegando Ronseis publicou unha anotación sobre o libro: 48 horas, de Cándido Paniagua, publicado por Xerais na colección Fóra de Xogo.

 

48 horas, de Cándido Paniagua Pousa

 

Cándido Paniagua Pousa é o autor desta proposta xuvenil que publica Xerais: 48 horas; estou segura de que o libro gustará á rapazallada, aínda que a min non me acabase de convencer: o autor cae permanentemente no didactismo e non permite que sexamos nós quen saquemos as nosas propias conclusións.
O libro é unha especie de novela negra onde se trata a desaparición dun mozo, pero sitúase moi preto deles porque tamén fala das primeiras relacións, da amizade, do trato co profesorado… Aínda que todo isto sucede, a gran protagonista da novela é a Lagoa da Antela, xa que é alí onde se produce a desaparición do rapaz e esta era o obxecto do traballo didáctico que estaban a realizar; por iso a historia da Lagoa váisenos contando pouco a pouco con datos curiosos e mesmo eruditos. Algo chamativo que o autor considera que gustará ao lectorado xuvenil é o emprego de diferentes rexistros na escrita, como o uso da linguaxe das redes sociais.
Así, en poucas páxinas o autor mestura rexistros, voces, protagonistas, historia e misterio. Como dixen, creo que o libro gustará.

Comentarios pechados