Menu Xerais

Un reencontro co xénero lírico na súa vertente máis desenfadada e heterodoxa : «Ninguén morreu de ler poesía», de Aldaolado. Crítica no blog «Balea Cultural»

O blog Balea Cultural publicou unha recensión de Iria Pedreira sobre o libro: Ninguén morreu de ler poesía, de Aldaolado (dúo poético formado por Lucía Aldao e María Lado), publicado por Xerais na colección Poesía.

(Re)Autoafirmación lírica: «Ninguén morreu de ler poesía», de Aldaolado

A primeira vez que vin unha actuación do dúo formado por Lucía Aldao (A Coruña, 1982) e María Lado (Cee, 1979) fiquei tan marabillada como atónita polo que acababa de presenciar. Por aquel entón a lírica seguía a atragoárseme e nunca antes se dera a ocasión de que puidese vencellala a algo tan estimulante e, xa non digamos, divertido. Fora toda unha experiencia para min (experiencia que, evidentemente, repetín) e toda unha lección de humildade para a miña inmatura e ignorante percepción dun xénero que nos anos seguintes chegaría a adorar con verdadeira ardencia.

As Aldaolado son unha parella artística de poetas, si, pero tamén todo o contrario. Transcenden o concepto de recital e amosan un total desinterese por tan ritualizada e encorsetada forma de transmisión da mensaxe poética. Permítense nos seus espectáculos a subversión dos códigos do seu xénero e un xogo sen par. Permítense unha performatividade que non sempre é posible gozar ao ler nunha silenciosa soidade e, con todo, permítense un reachegamento ás orixes a cotío esquecidas do feito literario, que non deixa de ter as súas raíces na oralidade e no comunitario. Permítense tamén unha saudable ironía, non sempre ben recibida nun xénero a miúdo falsamente asociado a un ideal de beleza estilística e argumental que non é tal, pois o arremedo e o escarnio forman parte del case dende a noite dos tempos (e reto a calquera a ler, por exemplo, epigramas gregos, para que o comprobe). Por suposto, permítense a contestación dos seus grandes referentes e permítense, de igual xeito, o verso máis traballado e o prosaísmo máis absoluto a un tempo. En definitiva, son todo un revulsivo literario en escena para goce e deleite dun público extasiado que non pode parar de rir nin de abraiarse e que ben podería asegurar ao remate do espectáculo que vén de ver nunha privilexiada primeira fila o nacemento mesmo da poesía.

A orixinalidade manifesta da proposta de Aldaolado para o noso sistema literario reside precisamente neste seu xeito de levala a cabo e que xa é indisociable do nome das súas artífices: sen intermediarios, cunha interpelación máis que directa á audiencia e cunha mensaxe radical e polimorfa. Con todo isto, pode parecer que a escrita non é o medio natural para unha forma de ollar o xénero lírico que escapa a toda convención. Mais nun ano tan estraño coma este e tan adverso para a partilla cultural en xeral, semella moi pertinente que o espectáculo de Aldaolado adopte forma de libro, case como unha lembranza inmorredoira do que adoitaba ser noutrora a poesía para as súas voces creadoras.

Ninguén morreu de ler poesía (Xerais) é un exercicio de ratificación e constatación, pois fixa na escrita esta poética da corrosión e da intrepidez coa que o público se recreaba en cada actuación de Aldaolado e que agora pode ser levada ao sofá e á mesiña de noite. Malia que os tempos o xustifican, evidentemente hai unha notable perda de frescura no paso do espectáculo ao papel, e, paradoxalmente, pouca sorpresa acharán as admiradoras do dúo que tiveran a oportunidade de velo en directo ou que mesmo tiveran a ocasión de achegarse a algúns dos poemarios que publicaron en solitario, xa que aquí aparecen compiladas composicións de obras como Todo isto isto antes era noite (2018) de Lucía Aldao ou das contribucións que María Lado realizou a algunhas obras colectivas.

Porén, isto non significa que non resulte agradecido renovar aquela emoción a través das súas páxinas, facendo xustiza a esa condición de “souvenir” e de “estiven en Aldaolado e acordeime de ti” que se pregoa no prólogo, Cousas que queremos dicir antes da poesía. E malia todo, para as que sexa a súa primeira vez coas Aldaolado (que as hai) e as descubran a través do formato códice, este será un moi grato achado e unha lectura á recorrerán unha e outra vez para reencontrarse co xénero lírico na súa vertente máis desenfadada e heterodoxa.

Iria Pedreira

Comentarios pechados