Menu Xerais

Un traballo heróico e intrépido: «Historia da Literatura Galega III. De 1916 a 1936», de Xosé Ramón Pena. Crítica de Ramón Nicolás

O crítico e escritor Ramón Nicolás publicou no suplemento Fugas de La Voz de Galicia unha recensión crítica sobre o libro Historia da Literatura Galega III. De 1916 a 1936, de Xosé Ramón Pena. (Foto: Óscar Vázquez / La Voz de Galicia).

 

Xosé Ramón Pena saca peito de novo

Facer unha singradura como esta e realizar o traxecto como navegante senlleiro resulta un proxecto que entendo como heroico e intrépido.

Facer unha singradura como esta, isto é, historiografar a literatura galega desde os seus comezos ata a actualidade, e realizar o traxecto como navegante senlleiro resulta un proxecto que entendo como heroico e intrépido.

Estes dous adxectivos acáenlle ao traballo do profesor e escritor Xosé Ramón Pena: heroico, ou beireando o heroicismo, pois non é difícil conxecturar a monumentalidade do traballo investido nese proceso previo que apunta á obtención de documentación, ás horas de lecturas, á propia interpretación e á redacción das conclusións;  intrépido porque afronta abertamente as dificultades, entre elas moitos lugares comúns reiterados na consideración crítica de moitas voces ou movementos e, o que pode resultar máis relevante, ofrece novas perspectivas desde as que avistar, sempre man a man co necesario espírito crítico, ese tesouro que é o noso patrimonio literario.  E, con todo, o proxecto global avanza a paso firme como testemuña esta terceira entrega centrada na análise e interpretación do acontecido no noso sistema literario desde o ano 1916 – especialmente reveladoras resultan as páxinas dedicadas ao movemento literario nacido ao abeiro das Irmandades das Fala- ata o ano 1936. O período analizado, fértil e  celmoso, epigrafado con acerto baixo o carimbo de “anos de prata”, percorre con solvencia unha época literaria na que cómpre entender unha literatura como a nosa que non se entende sen a “mobilización galeguista ou nacionalista” nin tampouco sen reparar nun contexto histórico que atende ao devalar da sociedade, a cultura, a economía ou a política. Sen dúbida este traballo, os dous volumes anteriores e, previsiblemente, dous máis que chegarán nos vindeiros anos, cómpre enxergalos como unha precisa enciclopedia da nosa literatura.

Unha enciclopedia, por outra parte, accesible, inequivocamente didáctica, que asenta taxonomías razoadas e abre vías xenerosas para ulteriores investigacións. Un traballo preciso, brillante e impagable.

Ramón Nicolás

Comentarios pechados