Menu Xerais

Unha boa proposta literaria, orixinal e capaz de seducir: «Costa do Solpor», de Xosé Mª Lema. Crítica de Gracia Santorum

Gracia Santorum recolle no seu blog, Trafegando ronseis, unha recensión crítica da novela Costa do Solpor de Xosé Mª Lema, publicada na revista Grial.

 

 

Costa do Solpor

Non buscabamos até agora a Xosé María Lema na lista dos nosos escritores de ficción. Nado en Bamiro, Vimianzo, en 1950, é catedrático de Xeografía e Historia de Ensino Secundario e un estudoso cheo de tesón da etnografía e historia da Costa da Morte, ademais dun defensor sen concesións da nosa lingua, o que supón que tamén abonden os seus artigos lexicográficos e lingüísticos.  Un referente, por tanto, nos eidos históricos sorpréndenos agora cunha novela de aventuras que vén a ser unha homenaxe á inesquecible Illa do tesourode Robert Louis Stevenson, obra publicada inicialmente en 1883 e que ademais de constituír un divertimento literario contiña unha reflexión e unha crítica cara a aqueles que só procuran cartos na súa desmedida ambición (que doado resulta facer este tipo de crítica na nosa sociedade actual, onde cada día descubrimos novos sobres e novas ambicións, vivindo o que oxalá fose unha novela e non a vida cotiá do estado español do século XXI!!!).

Sobre estas bases aséntase a novela que agora nos ocupa, Costa do Solpor. Piratas malos malísimos e persoas que gardan unha aparencia para constituír a ralea máis baixa da sociedade, Costa de Solpor ambiéntase nun século XVIII confuso con pactos que se fan e desfan a medida dos gobernantes e non dos desexos dos gobernados. Neste ambiente ambivalente, en que os cidadáns non saben moi ben cales son amigos e cales os inimigos, móvese o noso barco inglés protagonista, quen volvendo da súa particular peregrinación na procura das “américas”, van chegar a unha Galiza que descoñecen a que país pertence nin se é aliado ou non do seu propio país.
Falamos dun autor que comeza e falamos dun libro que foi finalista do Premio máis prestixioso do país, o Premio Xerais.  Un premio que, curiosamente, foi para o mar, posto que as tres obras galardoadas  no ano 2011 teñen como leit-motiv o mar. Iso si, mares diferentes nas mans destes creadores que son quen de xogar ao seu antollo coa auga salgada que case nos rodea.
A orixinalidade da obra que nos ocupa, dun xénero esquecido na nosa Literatura, comeza dende o principio: o autor utiliza a técnica do manuscrito atopado para presentar o seu relato. Así, quen fala é un tradutor dun manuscrito inglés que lle foi enviado por un investigador británico. El, simplemente, encargarase de traducilo, sen engadir nin tirar nada. A partir de aí a narración –en primeira persoa- correrá a cargo de Jim, o protagonista, quen deixará algúns capítulos para a voz do doutor Livesey por ser este testemuño directo dos acontecementos cando Jim estea ausente.
A acción desenvólvese en pé de aventuras na Costa da Morte, xa que o barco caerá nas mans dun pirata con moita sona de cruel e o seu socio, home de negocios que pasa por ser un home de ben na Coruña. Abordaxes, enganos, fuxidas, persecucións… sucédense nas máis de 600 páxinas da novela, onde hai cabida para o amor, un amor imposíbel da man dunha fidalga e un rapaz de pobo. Caber caben máis ca aventuras nesta novela, pois toparemos unha recreación fidedigna da Galicia do século XVIII onde fidalgos, cregos, Inquisición, foros e ilusións no futuro conviven cada día. Asemade, personaxes históricos que, aínda non sendo deste século, conviven pacificamente nas nosas páxinas.
Acción trepidante, por tanto, mesturada con digresións demasiado longas que entorpecen a lectura: informacións históricas, mitos, lendas populares, descricións xeográficas, literatura da Costa da Morte… fan que esta novela de aventuras se afaste por veces da súa propia natureza e chegan a renxer na lectura.
Non é esta eiva a que quixeramos destacar senón todo o contrario: cremos que estamos ante unha boa proposta literaria, orixinal e pouco dada na nosa tradición literaria, capaz de seducir ao lector e de deixalo cun bo sabor de boca logo dunha travesía pola nosa marabillosa e ás veces descoñecida Costa da Morte.

Comentarios pechados