Menu Xerais

Unha chea de curiosidades científicas que a rapazada e os adultos descoñecen: «A ciencia do día a día». Crítica de Antonio García Teijeiro en «Versos e aloumiños»

Antonio García Teijeiro publicou no seu blog Versos e Aloumiños unha anotación sobre o libro: A ciencia do día a día, publicado por Xerais na colección Básicos Ciencia.

 

«A ciencia do día a día», divulgación amena para lectorado miúdo

 

Que gratificante resulta ter nas mans calquera dos volumes de divulgación da colección E logo… por que? que publica Edicións Xerais na colección Xerais Básicos. Ciencia.

Moi atractivos na súa presentación a xeito de caderno, coas páxinas de cartón plastificado, con cores moi vivas e moito humor nas viñetas de cada capítulo.

O libro que hoxe nos ocupa leva por título A ciencia do día a día e está dividido en dous temas diferentes: Ciencia en cousas da casa e Ciencia para ir polo mundo.

Nel podemos atopar unha chea de curiosidades científicas que a rapazada decoñece e, como non, tamén os adultos. Que interesante achegar o lectorado á ciencia e ás súas sorprendentes características. Cunha linguaxe moi clara, con ilustracións cheas de sorpresas, A ciencia do día a día amósanos respostas sinxelas, intelixibles, que colman a nosa curiosidade. Podemos ler no capítulo 1 que “pasan moitas cousas ao noso redor e cando queremos saber por que ocurren xa estamos a facer ciencia”. E deixa algo moi claro: todo o que non se pode demostrar non se pode considerar ciencia.

No primeiro tema do volume podemos atopar respostas a cuestións que nos pasan na casa. Por exemplo: Que é alta definición? Por que se derrete a manteiga? Podo tocar os electrodomésticos cos pés mollados? Por que o xabón fai escuma?

No segundo tema saímos polo mundo e damos con respostas a preguntas coma estas: Hai lixo no espazo? Pode caer á Terra? Por que o aceite non se mestura coa auga? Por qué flotan os globos no aire? Que é o fume? E así un monllo de cuestións que resulta magnífico coñecer. Entreteñen e forman dun xeito lúdico e con moita claridade, onde non falta o humor.

Vivimos case sempre afastados da ciencia e ese é un erro. Xogando a preguntar, a responder, a coñecer as causas dos fenómenos habituais gozamos moito máis do cotián.

Facémonos máis “sabios” lendo estes temas tan próximos como curiosos.

A ciencia do día a día coas súas respostas rápidas a preguntas enxeñosas convértese nunha deliciosa lectura. Temas, como dixemos, diferentes, ilustracións sorprendentes e respostas sinxelas a cuestións arrevesadas.

Un acerto de Edicións Xerais a publicación desta colección para desfrutar individualmente ou coa familia. Un proxecto suxestivo, dunha gran riqueza, cheo de engaiolantes propostas.

Comentarios pechados