Menu Xerais

Unha historia chea de humor e enxeño: «O día que choveu do revés», de María Canosa e Dani Padrón. Anotación de Antonio García Teijeiro

Antonio García Teijeiro publicou no seu blog Versos e Aloumiños unha anotación sobre o álbum ilustrado O día que choveu do revés, de María Canosa e Dani Padrón.

 

 

«O DÍA QUE CHOVEU DO REVÉS», de MARÍA CANOSA: UN CONFLITO ENTRE AS NUBES E O SOL QUE PROVOCA UNHA ENORME DESFEITA

     Facer unha folga traballando é un acto inverosímil.
     Que as nubes cheguen a quedar sen auga de tanto chover é algo inaudito.
     Navegar entre os tellados das casas de Vila de Portoseco resulta chamativo.
     A quen se lle ocorren tamaños disparates?
     Pois a unha das escritoras que está a crear unha obra sólida, persoal, imaxinativa e intelixente que a min me encanta: María Canosa.
     Todo isto (e máis) ocorre no álbum O día que choveu do revés, publicado por Edicións Xerais de Galicia na súa colección Merliño.
     Unha historia, que María Canosa nos conta, chea de humor e enxeño. Unha historia que te transporta a un mundo máxico; a un mundo de tolemias e desaxustes, de conflito entre as nubes e o sol, de caprichos e solucións.
     Son as nubes as protagonistas desta enxeñosa historia. Unhas nubes que se enfadan co Sol,  porque consideraban que o seu traballo de regar os campos era maltratado pola calor abrasadora que provocaban os seus raios .
Así que, diante de tamaña decepción decidiron ponerse a chover a cachón, todas á vez, durante días e días. Remataron esgotadas e ao miraren cara abaixo non daban creto ao que vían: a Vila de Portoseco estaba asolagada, os seus habitantes navegaban entre os tellados e o campanario da igrexa. Unha verdadeira desfeita.
     Perante  o desastriño que acababan de provocar, puxéronse nerviosas, quixeron compensar o problema e atrevéronse a pedir axuda…ao Sol!
     A partir de aquí, de xeito fantástico, humorístico, con situacións surrealistas, María Canosa tece unha historia deliciosa, chea de humanidade, coa natureza ben presente, a través dunha prosa coidada, rítmica que nos transporta á necesidade de que as cousas flúan respectuosamente  e en convivencia. Unha historia, tamén, de solidariedade e de unión cando se produce unha catástrofe.
     María Canosa fainos sorrir (que choiva do revés é un logro no desenvolvemento da narración), fainos sentir a maxia da palabra ben empregada, cun ritmo axeitado aos primeiros lectores e fainos (a todos e todas) descubrir o pracer de contar”.
Un libro imaxinativo, realzado, unha vez máis, polo fantástico traballo de ilustración de Dani Padrón. O ilustrador consegue darlle máis calor, se cadra, á historia pola forza expresiva das imaxes e as cores empregadas, nun libro cheo de auga. O humor e o desexo de supervivencia ante a desfeita está perfectamente reflectido nas ilustracións e a tenrura nos rostros dos personaxes chegan a emocionar.

     En definitiva, un álbum necesario, que non debe pasar desapercibido para todos aqueles lectores/as que, sen prexuízos de idade, queiran gozar da boa literatura.

Antonio García Teijeiro

Comentarios pechados