Menu Xerais

Unha novela que engancha desde a primeira páxina: «A ira dos mansos», de Manuel Esteban. Crítica de Pedro Feijoo

O escritor Pedro Feijoo publicou no seu blog unha recensión crítica sobre a novela A ira dos mansos, de Manuel Esteban, obra gañadora do Premio Xerais de Novela 2016.

 

 

A ira dos mansos

Nun país coma este, onde a nosa cultura sobrevive sen ningún tipo de apoio, sen o amor das institucións que debesen fortalecela, e onde a promoción do talento propio non resulta tan atractiva como subvencionar un videoclip dun chico de Miami, os premios literarios son todo un exercicio de responsabilidade. Aínda que nada máis servisen para iso, polo pouco son as fiestras polas que asomarnos á descuberta de novos talentos, de novas voces que, pouco a pouco, van anovando o noso panorama literario. Voces que, sen eses premios, talvez non terían a oportunidade de se dar a coñecer, de seren publicadas, de dicir “Hei, estamos aquí!” Ás veces dáme a sensación de que aínda non sabemos ben canto lles debemos á eses fallos… Polo pouco, e por non poñerme pesado co tema, eu débolle ao Premio Xerais a sorte de coñecer un fantástico libro.

A ira dos mansos, a obra coa que Manuel Esteban se fixo coa última edición deste prestixioso galardón, é unha fantástica novela, que reúne un por un todos os requisitos que, ao meu ver, unha obra gañadora debe ter. Vaia por diante que, como xa se imaxinará, esta Ira non é a GNG (xa sabedes, o coñazo ese da “Gran Novela Galega”). E grazas ao ceo. Lonxe de pretender asombrar ao lector co texto definitivo sobre o ben e o mal, Esteban proponnos unha obra que, ante todo, resulta entretida. Un libro deses que enganchan desde a primeira páxina, deses que che fan desexar sacar cinco minutos máis para saber por onde segue o asunto. E, desde logo, conseguir iso non é nin pouco nin moito menos sinxelo. Engancharse á lectura, descubrirse atrapado nunha historia coa rabia de non ter tempo para ler unha ou dúas páxinas máis, é o mellor que lle pode pasar a calquera lector. E, abofé, isto é algo que Manuel Esteban consegue desde a primeira liña.

Pero non marchen, que aínda hai máis. Algo do que eu gusto especialmente é dese engano, a trampa do falso entretemento gratuíto. Eu creo que as novelas deben ser ante todo entretidas, pero non a calquera prezo. Un libro pode ser divertido, pero non por elo ten que estar baleiro de contido, de mensaxe. Sempre pensei que as mellores obras son aquelas que, logo de facercho pasar ben ao longo das súas páxinas, che fan descubrir, xusto ao pechar a derradeira, que, ademais, levas contigo algo que antes non tiñas. Un coñecemento, unha idea, unha certeza… E isto é algo que Esteban tamén logra. O autor, médico de profesión, consegue que, en pechando o libro, o lector deixe a un lado os prexuízos e se asome á cuestión da síndrome de Down con ollos ben diferentes.

A ira dos mansos non é o mellor libro do mundo. Non é que sexa a trama máis elaborada, pode que mesmo algún dos seus personaxes nos soe de algo, aínda que con outro nome e outro oficio, e con toda seguridade tampouco lle revelará a ninguén o sentido da vida. Pero é que ninguén dixo que a cousa tivese que ir diso. A ira dos mansos é un libro entretido, cunha trama da que queremos saber máis, acompañando uns personaxes cos que simpatizamos desde o primeiro momento, e, ademais, pode que non nos revele o sentido da vida, non. Pero si que nos regala un par de claves para comprender un pouco mellor a uns veciños das nosas vidas aos que, con toda seguridade, aínda non nos estamos estamos achegando como en verdade merecen. Unha grandísima novela, desas que gusta de ler no tren. Se alguén quere pedirlle algo máis a un libro, que se compre a Enciclopedia Espasa.

Pedro Feijoo

Comentarios pechados