Menu Xerais

Unha novela que explora sentimentos e paixóns: «Dragona» de Xavier Queipo. Anotación de Agustín Agra

O blog de Barbantia publicou un texto de Agustín Agra sobre Dragona de Xavier Queipo.

 

dragonaDragona

Un día, hai anos, Xavier Queipo agasalloume co debuxo dunha desacougante augamar. Aquela tarde de febreiro na que a súa man esbozou unha medusa, en Compostela chovía os sete choveres. A obra que presentaba no mítico club de jazz Dado Dadá era Dragona, unha novela que dende o primeiro momento me sumiu no desconcerto: e aquel texto era de Queipo?

            A culpa, xa de partida, fora miña por presupoñer o que non debía: que o escenario onde se tiña que desenvolver a acción debía ser tan afastado como Camboxa ou a baía de Hudson, e que Londres ou Bruxelas, poñamos por caso, non eran merecentes de tal honra; que os personaxes tiñan que ser mariños, investigadores ou aventureiros de índole diversa; por agardar que unha novela de Queipo tiña que ser semellante a outros relatos ou novelas anteriores do mesmo autor. E acaso non era eu quen gozaba coa literatura iconoclasta –non xa no fondo senón tamén na forma–; o que aborrecía dos estereotipos, dos personaxes e estruturas clásicas; o que, como acontece con Dragona, e nada máis lonxe do masoquismo, gozaba dunha literatura dúctil, que emite pseudópodos, que se desenvolve nun mundo líquido, ou mesmo gasoso post Zizek?

Este día –a falta dun “57” co que celebrar un novo aniversario do autor– encetei unha segunda visita a Dragona coa sensación de estar a saldar unha débeda dupla: a da augamar e a dunha lectura inxusta –polo pouco atenta e reflexiva–. Daquela descubrín un texto moi diferente ao que recordaba. Alén do vocabulario –tópico sería falar dos neoloxismos e das palabras importadas, marca da casa–, pronto me decatei do errada que fora a miña primeira valoración. Confundira –confeso a cegueira– a inestabilidade emocional duns personaxes desnortados e cheos de contradicións cunha deficiente construción.

É Dragona, xa que logo, unha novela que explora os sentimentos e as paixóns, os comportamentos máis primarios duns protagonistas arrastrados polo amor e, tamén, polo sexo –pouco explícito, mágoa–; unha obra incomprendida, insuficientemente valorada, adiantada quizais ao seu tempo.

Agustín Agra

Comentarios pechados