Menu Xerais

Unha novela que se alicerza sobre a vulnerabilidade, a soidade e a incomprensión social: «O grupo», de An Alfaya. Crítica de Ramón Nicolás

O escritor e crítico literario Ramón Nicolás publicou no seu blog Caderno da Crítica e nas páxinas de Cultura do xornal La Voz de Galicia unha anotación sobre o libro: O grupo, de An Alfaya, publicado por Xerais na colección Fóra de Xogo. O libro gañou o XII Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil 2018.

 

O grupo, de An Alfaya

An Alfaya conseguiu a duodécima edición do premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil organizado pola Deputación da Coruña con O grupo: unha novela que se alicerza sobre conceptos fundamentais como son o da vulnerabilidade, por unha banda, e os da soidade e incomprensión social pola outra.

Non resulta doado nin efectivo facer unha novela coral coa ollada posta nos devanditos asuntos ou temáticas se non se ten presente, sempre, e talvez máis ao se tratar dunha novela especialmente operativa para un lectorado xuvenil, que estamos diante de literatura e An Alfaya sábeo moi ben. A súa proposta manexa recursos acaídos como son a verosimilitude que outorga ao rexistro lingüístico dos seus personaxes ou o coidado depositado no ritmo narrativo da mesma e expón, xustamente, o que ocorre nun grupo de cinco persoas novas, marcadas loxicamente pola rebeldía e a insatisfacción mais tamén golpeadas por diversos problemas que van desde a violencia de xénero ata a diversidade funcional, pasando pola inmigración ou a discriminación sexual, entre outros, que se xuntan cunha traballadora social -non exenta, asemade, dunha historia persoal que por veces pon en dúbida a súa competencia para conducirse con garantías no seu labor terapéutico- nun centro cívico dunha cidade non para poñer fin aos seus problemas, pero si para avanzar a través da verbalización dos conflitos e poder acadar, así, algún horizonte que mellore as súas situacións, que os axude a adquirir conciencia de que hai saída para os propios labirintos e para as redes en que, dalgún xeito e en forma de reclusión, illamento ou afastamento agresivo, a sociedade os encerra.

Alfaya formula con oficio moitas preguntas nas voces individualizadas desta novela que afonda en territorios aos que se lle dá polo xeral as costas: algunhas respóndense nela e, outras quedan para o fardel da persoa que le. Tamén iso, abofé, é un mérito.

Esta recensión publicouse nas sección “Ex umbra in solem”, do suplemento Fugas de La Voz de Galicia, o 24 de abril de 2020.

 

Deixa un comentario!