Menu Xerais

Unha novela que se le de xeito áxil, doado, fluído: «As horas roubadas», de María Solar. Por Gracia Santorum

O blog Trafegando ronseis publicou dúas anotacións sobre a novela As horas roubadas, de María Solar. A primeira é unha valoración crítica sobre a novela; na segunda reprodúcese o texto que escribiu Gracia Santorum para a presentación da novela en Lalín.

 

 

As horas roubadas

Recoñezo un certo escepticismo cando me acheguei á lectura deste libro, As horas roubadas de María Solar, publicado por Xerais. E fíxeno porque a súa autora me pediu que a acompañase na presentación do mesmo na miña vila. Así que constituíu unha certa sorpresa atopar un texto áxil, que se lía con comodidade, cun argumento interesante, onde o amor e o regreso á sociedade da primeiriza transición constituían un reclamo de lectura. Unha momento histórico que volveu a min e me fixo lembrar a xuventude e a vida en branco e negro -a da televisión- ata que se fixo de cor. Pero o que máis me atraeu foi a historia dunha das familias protagonistas e constatar como o dereito de home a humillar á súa muller vén desde longo. Aínda que coido que falta un pouco de profundidade, cando menos a min o que me gustaría fose que esta relación se analizase mellor, aínda que estou segura de que o ánimo da escritora non era tal, senón que foi o de achegarse a esa época dende diferentes puntos de vista, tal como se constata na lectura. Son os cambios sociais daquel momento tamén un aspecto importante que nos sacode dende as súas páxinas, salferidos pola historia primixenia do amor adúltero e oculto dun par de vellos que testemuñan que o amor pode ser eterno. E a carón deste amor, o amor adolescente, o amor primeiro, o desamor… e as convencións sociais que reinaban no ano 79. Non sei se cambiaría moito a nosa sociedade en moitos sentidos, vendo o retroceso que estamos a vivir hoxe en día.

É pois unha novela que se le doadamente, que atrae, aínda que a min vólveme a ocorrer o que tantas veces: moléstame a voz dun narrador que nos leva da man por onde el quere.

 

 

 

O texto da resentación en Lalín de «As horas roubadas»

En primeiro lugar, quero dar as grazas a María Solar por contar comigo esta noite. Seguramente, debo confesalo, non chegaría a ler “As horas roubadas” se María non me pedise que estivese aquí canda ela. Quizais por prexuízos, quizais pola premura do tempo.
María Solar realiza con esta novela a súa primeira incursión na literatura de adultos, pero o seu éxito na literatura infantil non nos deixa lugar a dúbidas, xa que o seu libro “Teño uns pés perfectos: un libro para ler cos pés descalzos” publicado pola editorial Kalandraka, vén de entrar pola porta máis grande que se poida acadar neste eido, xa que foi incluído na selección The White Ravens 2016, onde soamente figura unha prestixiosa escolma dos mellores libros infantís e xuvenís,  conseguindo asemade que o galego sexa unha das 42 linguas representadas, e destacando a organización que María Solar aborda nesta obra un aspecto “tan novidoso e inusual como os pés, dando como resultado un libro informativo e entretido”.

 Pero imos coa novela.

A novela comeza en Santiago de Compostela –é Santiago, podería ser calquera outra cidade posto que esta non adquire protagonismo-  no ano 1979, e xa no primeiro capítulo estremecemos coa morte de Anselmo, un corpo derrubado na súa propia cama que é atopado polo seu neto mozo, quen descobre ao mesmo tempo que o seu avó ten nunha man un papel cunha frase “dime que me queres”.
E con esta frase teremos o desencadeante da novela, xa que esta mensaxe encerra unha historia de amor prohibida que case ninguén coñece e que iremos desfiañando, máis ben desganduxando, ao longo do libro. Serán os protagonistas quen nos vaian amosando que ocorreu con esta historia amorosa que consistirá en non esquecer e en demostrar que o amor –aínda agochado- pode ser eterno.
Pero as páxina non só nos farán partícipes dunha historia de amor, senón que con elas pasearemos por unha época de cambios en España, a época da transición, época de cambios nunha sociedade adormecida por unha longa ditadura, sendo testemuña dunha serie de mudanzas ata entón impensables e que só serán permitidos polo paso á democracia. En realidade, son estas variacións os protagonistas dos personaxes que nos acompañarán polo noso paseo literario, dúas familias moi diferentes que están intimamente relacionadas: o matrimonio de Lola e Antonio, que ten dous fillos, unha parella que cre na liberdade, que son adiantados á súa época e que pretenden divorciarse xa que consideran que en dous anos existirá unha Lei do divorcio que llelo permita. Esta parella economicamente vive moi ben xa que Anselmo, o pai de Lola foi un emigrante da Arxentina con moita sorte nos seus negocios. Unha familia que é cualificada polos veciños como “hippie” por teren como bastións a liberdade, o respecto e a tolerancia.
A outra familia nada ten que ver: Damián e Rosa viven co xusto, teñen tres fillos e conviven con Carmen, a nai de Damián, un home violento e controlador con toda a súa familia, pero sobre todo coa súa muller, anulada por el desde o comezo do noivado, e que temerá enfrontarse a unha situación familiar que nos resulta demasiado e penosamente coñecida. O medo é o pan de cada día nunha convivencia onde a impotencia da humillación semella imposible de resolver. Insultos, labazadas, vexacións… son algo tan normal de tan repetido que case nin se cuestiona outra forma de vida.
Serán por tanto dúas familias opostas as protagonistas desta novela case coral.
Falabamos ao comezo de amor. Dun amor prohibido entre dúas persoas maiores que pouco a pouco iremos descubrindo, xa que a vellice proporciona unha capacidade de espera inconmensurable: falamos de amor tranquilo, de amor repousado, de amor que poderiamos denominar, mesmo, sensato, pero que se sabe cun final demasiado próximo pola idade. Pero ademais deste, hai outros amores que acapararán a nosa atención. O adolescente amor impaciente, a descuberta do primeiro amor, as primeiras relacións sexuais, a intensidade, os salaios e os soños… a carón do desamor, como parte elemental daquel. Mesmo a incomprensión dun amor atado ás convencións sociais. Porque falamos de democracia e liberdade, pero non tanto. Aínda hai moitas ataduras que non son doadas de deslearse.  O amor vivido de diferentes xeitos segundo as diferentes etapas da vida. Tamén poderemos analizar o amor adulto, ese que pode ser rachado coa rutina, ese que se desgasta –ou non- pola convivencia, polos fillos e fillas, polo traballo, polo día a día.
É doado revivir os anos oitenta con moitos detalles que nos trae María Solar: as dúas canles da televisión, a antena de cornos, as primeiras televisións en cor, os pagos a prazos, os velorios, o desexo dunha lavadora… Calquera de nós sentará nun sofá de skai nun salón con papel pintado de flores ou motivos xeométricos; veremos, seguramente, o “Un, dous, tres” –ou, no meu caso, “La casa de la pradera”- volveremos ver a tele en branco e negro (lembro aquelas tarde de “Heidi” nas que saiamos a nado de tanto chorar para logo meu pai levarme ao casino para gozala en cor), sentaremos arredor da mesa de braseiro…
Entrementres, os cambios sociais, os cambios políticos, unha serie de momentos que resultaban aterradores para a sociedade máis tradicional pero que eran degoirados por outro tipo de sociedade que os necesitaba. Como analizar o papel da muller nesta sociedade cambiante? Ten mudado moito este papel? Seguimos a ter unha sociedade patriarcal na que a muller é mesmo unha escrava do fogar, que debe atender a familia, que non se sente dona da súa propia vida? Unha das nosas protagonistas, Rosa, resulta un exemplo de muller esnaquizada por amor. Por amor. Que doado resulta dicir esta palabra cando deberiamos falar de anulación! Unha muller maltratada non é dona da súa vida. Pero iso nin se cuestionaba. Como cuestionar a autoridade do home?   Pero… seguimos a vivir o maltrato nunha sociedade que vén de evolucionar durante tantos anos para comprobar que a colectividade, ao fin e ao cabo, non mudou apenas. Si, existe unha alternativa ao casamento, a procrear. Existe? O que si segue a existir é a violencia de xénero. Segue a existir esa sociedade patriarcal que María Solar amosa nas súas páxinas, unhas páxinas situadas hai case corenta anos. Aínda que a novela remate cunha chamada de esperanza. Quédanos a nós, mulleres do século XXI, a esperanza de transformar esta nosa sociedade machista que nos dita un canon de beleza que nos marca mesmo antes de nacer, que nos impide desenvolver unhas traxectorias profesionais semellantes aos homes, que dota a unha parte da poboación de poder acosar á outra parte polo simple feito de andar pola rúa?
De contino, chegamos ao final dunha novela que se le de xeito áxil, doado, fluído. Nun estilo sinxelo, a historia lese soa e condúcenos a reflexionar sobre a importancia do noso propio tempo e da nosa propia autoestima, ou sexa, da nosa propia vida. Por iso a novela lémbranos que ante o medo, motivado polo que sexa, só queda a loita de noso.

 

Comentarios pechados