Menu Xerais

Unha ollada galega universal: «Cancela aberta», de Xosé Neira Vilas. Crítica de Manuel Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha recensión crítica sobre Cancela aberta, de Xosé Neira Vilas.

De todo un pouco

Neira Vilas combina, nesta colección de artigos breves, aos seus máis de oitenta anos, recordos de feitos e personaxes pasados con reflexións sobre a actualidade, de tal xeito que igual podemos ler un texto sobre os problemas que a censura lle creou no seu momento á novela A esmorga, que unha reflexión sobre a guerra e a situación actual de Iraq.

Deste feixe de artigos, cómpre destacar aqueles que se dedican a lembrar figuras xa hoxe desaparecidas, que van desde Luís Seoane ao sindicalista Marcelino Camacho. Outro grupo importante recorda o labor da emigración galega en América durante os anos da posguerra, onde Neiras foi figura importante e conta os feitos de primeira man, en moitas ocasións coma quen participou neles. Nalgún caso non faltan mesmo os achados propios dun investigador como as décimas en castelán atribuídas a Castelao (páx. 52).

Chama a atención, nunha persoa da idade de Neira, a clarividencia ao referirse a personaxes e acontecementos do mundo actual, como por exemplo o das figuras do pop. O artigo “A soidade de Jakcson”, dedicado á figura e mais á morte do célebre Michael Jakcson, é unha mostra de sensibilidade exquisita cara á cultura pop e os seus mitos de alguén que por idade e formación se atopa moi lonxe dese mundo. É máis que aconsellable para ser comentado nas nosas aulas.

En fin, que por estes artigos van desfilando comentarios de actualidade, desde a crise ao cambio climático, mais tamén lembranzas da emigración americana ou da nova vida do escritor tras o seu regreso a Galicia e convertido xa en clásico vivo. Non faltan as referencias á dor que produciu en Neira a morte da súa compañeira de toda a vida, Anisia Miranda. Entre as figuras que lembra, merece destacarse o espazo que lle dedica ao labor de Luís Seoane, tan importante na edición de libros galegos en América, nos anos da Longa noite de pedra. Así mesmo entroniza a Novoneyra como un dos grandes clásicos da lírica galega contemporánea. Tamén figuras, en principios alleas a Galicia, reciben un tratamento adecuado como o poeta Juan Gelman, o político e escritor Labordeta ou as nais da Praza de Maio. Xa dixemos que os artigos dedicados ao labor dos galegos emigrados e exiliados en América tras a Guerra Civil son un feixe importante e constitúen unha boa porta de entrada para o estudo deste campo.

Hai que salientar así mesmo a xenerosidade con que Neira trata a todos os que aparecen na súa obra, como acontece, por exemplo, con alguén que nos anos corenta e cincuenta estaba tan lonxe ideoloxicamente do escritor galego: Torrente Ballester.

Xa que logo, este mollo de artigos combina o galego co universal, o pasado coa actualidade e todo nunha lingua que, como alguén xa sinalou por aí, é un exemplo de concisión e claridade. Non esquezamos ademais a xenerosidade do autor, pois Neira sempre está disposto á flor do eloxio cos bos e xenerosos que realizan ou realizaron unha actividade a prol de Galicia ou diso que coñecemos como progresismo, que vai desde a condena de guerras ao apoio a iniciativas como as das nais da Praza de Maio.

Manuel Rodríguez Alonso

Comentarios pechados