Menu Xerais

Unha ollada iluminadora sobre a lingua: «Galegocalantes e galegofalantes», de Carlos Callón. Crítica de Berta Dávila

A escritora Berta Dávila publicou no xornal dixital Praza Pública un artigo de valoración crítica titulado Abril de libros no que fala do libro Galegocalantes e galegofalantes, de Carlos Callón.

 

«Galegocalantes e galegofalantes», de Carlos Callón

No ámbito do ensaio divulgativo é de resaltar o volume Galegocalantes e galegofalantes (Xerais), un recompilatorio de diferentes textos escritos entre o 2009 e o 2016 polo teórico, profesor, activista (e tamén poeta) Carlos Callón, un nome que adoita ser garante de perspectivas luminosas e dun discurso lúcido e contemporáneo sobre o conflito lingüístico e os seus arredores. Esta colección de escritos, de título suxestivo e atinado ao tempos, non é unha excepción a agudeza doutros volumes sobre o tema escritos polo mesmo autor, e achega, ademais, unha perspectiva interesante, xa que pode lerse como cronografía de tempos e acontecementos escuros para a lingua galega. Dos sete artigos que principian o libro, separados dos demais seleccionados (colocados por orde de publicación) resulta de lectura imprescindible o terceiro deste bloque, dedicado á desaparición dos medios de comunicación en galego, e o quinto, en relación ao ensino. Ambos constitúen, ao meu ver, unha ollada iluminadora sobre dúas arestas especialmente daniñas das políticas lingüísticas devastadoras da última década. Pechan o libro dous epílogos que recollen outro tipo de textos, especialmente clarificador o segundo deles, transcripción dunha entrevista-debate no programa Foro aberto, da TVG. Un libro, en definitiva, para entender cara onde imos, que é capaz de abrir unha xanela ao humor crítico, ao rigor argumentativo, pero tamén, e sobre todo, á determinación da loita polo propio.

Berta Dávila

Comentarios pechados