Menu Xerais

Unha oportunidade única para indagar nos títulos que construíron o canon da literatura para nenos e nenas: «Da Carapuchiña ao señor Lamote», de Miguel Vázquez Freire. Crítica en Lecturafilia

O blog Lecturafilia publicou unha recensión de Tensi Gesteira sobre o libro Da Carapuchiña ao señor Lamote, de Miguel Vázquez Freire, publicado por Xerais na colección LibroX.

 

Da Carapuchiña ao señor Lamote, de Miguel Vázquez Freire (Xerais)

 

Hai un tempo que me interesa afondar na literatura infantil e xuvenil, e na historia da súa xénese. De aí que o libro Da Carapuchiña ao señor Lamote, escrito por Miguel Vázquez Freire, se me presentase como unha oportunidade única para indagar nos títulos que construíron o canon da literatura para nenos e nenas, os estilos e as fórmulas de éxito.

Profesor, crítico, ensaísta, escritor e, sorbe todo, especialista en didáctica e educación, Miguel Vázquez Freire recolle os textos publicados entre 2006 e 2018 na Revista Galega de Educación que edita Nova Escola Galega, un movemento de renovación pedagóxica da que forma parte como membro fundador. Neses artigos, o autor quería dar conta das novidades editoriais para o público máis novo, pero pronto comezou a percibir que entre o profesorado e os mediadores existía un gran descoñecemento da existencia de versións galegas dos clásicos da literatura infantil en galego, e considerou que era preciso reparar esa eiva. Desta forma, e tamén coa visión propia dun letraferido, o autor recompila os textos neste volume que leva por bandeira a defensa da literatura infantil sen filtros e afastada da moda do “politicamente correcto” que tanto se practica hoxe en día.

Vázquez Freire afirma xa ao comezo que “os mellores libros para a infancia e a mocidade son os mellores libros que calquera, incluídos nenos e mozos, poden ler; os libros, logo, máis universais, os libros para todos”. Unha reflexión que nos leva, deseguido, a esa outra de que a literatura propia e actual de ser quen de dialogar coa universal e cos considerados clásicos. Neste sentido, o autor debate ao longo dos diversos artigos sobre esa tendencia dos nosos días a adaptar todas as obras orixinais e a tentar transmitir unha mensaxe moralizante, que mesmo achega unha idea edulcorada do mundo que habitamos.

O autor convídanos neste libro a que nos acheguemos aos clásicos libres de ataduras e de miradas afastadas do tempo no que foron creados. Unha mirada que, iso si, non impide que poidamos reflexionar sobre valores e sentimentos universais. Por este motivo, estamos diante dunha proposta moi acaída como manual de consulta para o profesorado de primaria, así como mediadores ou persoas que desempeñan a súa labor profesional nunha biblioteca na que é preciso fomentar a lectura. Os títulos están acompañados de propostas e claves para traballar nas aulas, ademais de bibliografía dos libros en lingua galega e as diversas versións cinematográficas, ofrecendo unha radiografía que servirá para achegar un coñecemento básico aos que traballan nesta labor.

A pesares de que se achegan obras consideradas grandes clásicos universais, bótase en falta unha maior bibliografía de títulos e autores galegos, así como o tratamento de obras escritas por mulleres. E, por exemplo, non se entende que nun libro que fala sobre literatura infantil e xuvenil non se atope a Agustín Fernández Paz ou María Victoria Moreno. Sería, pois, moi interesante un segundo volume centrado na historia da literatura infantil e xuvenil en Galicia.

Os contos serven para que os nenos e nenas liberen os seus medos inconscientes, imposibles de racionalizar: medo a seren abandonados polos seus pais (medo a perdelos), medo a medrar, medo á morte… Os contos, ben escollidos e ben contados, axudan a vivir”.

Tensi Gesteira

Comentarios pechados