Menu Xerais

Unha proposta con trazos da novela negra que sondea os abismos dos protagonistas dun crime estarrecedor: «Granito», de Álex Alonso. Crítica de Ramón Nicolás

O escritor e crítico literario Ramón Nicolás publicou no seu blog Caderno da Crítica e nas páxinas de Cultura do xornal La Voz de Galicia unha anotación sobre o libro: Granito, de Álex Alonso, publicado por Xerais na colección Narrativa. O libro gañou o XXXI Premio Torrente Ballester de Narrativa.

 

Granito, de Álex Alonso

En tantas ocasións a memoria presta servizos impagables. Tras ler Granito, novela de Álex Alonso galardoada ex-aequo no Premio de Narrativa Torrente Ballester de Narrativa, lembrei un artigo antolóxico que subscribira Carlos Casares neste xornal e que se publicara tras coñecerse polos medios a morte da familia dun empresario do granito nun chalé de Nigrán, preto de Vigo, a mans de dous policías. Recuperei aquel artigo estes días, titulado “Unha cortina de medo”, pois o autor ourensán deixaba nel unha reflexión na que dirixía unha ollada certeira a como, no medio da rutina cotiá, non resultaba difícil imaxinar o que ocorría “desde o outro lado” e conxecturaba como “seis persoas, atrapadas de súpeto nas redes dunha maldade imprevista, ían perdendo a esperanza”.

          Creo que estas palabras recollen en esencia o notable traballo que repousa en Granito. Foi este un crime estarrecedor de grande impacto social que aquí se aborda con meticulosidade e tras un inxente traballo de documentación, ao meu ver encaixado con habilidade no relato. Alonso abraza con eficiencia as posibilidades que ofrece a ficción articulando unha proposta que, desde un punto de vista xenérico,  incorpora trazos da novela negra, mais tamén da chamada psicolóxica -evidente no tratamento pormenorizado dos personaxes, no intento de penetrar na alma dos protagonistas e sondar os seus abismos, mais tamén nas diversas dimensións que acada o drama- sen esquecer que nela se acolle unha crónica vívida e transparente da Galicia dos anos noventa.

           Con todo, discrepo da efectividade que se lle presupón á reprodución de abondosos parlamentos en castelán, sospeito que en aras de maior verosimilitude, e que poñen en valor a diglosia latexante nos anos noventa e aínda hoxe. Asunto polémico que, literariamente, criamos superado por outros recursos desde Maxina de Marcial Valladares. Malia isto, saúdo a chegada desta suxestiva novela.

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, sección “Ex umbra in solem”, de La Voz de Galicia, o 23 de outubro de 2020.

Ramón Nicolás

 

Comentarios pechados