Menu Xerais

Unha prosa directa e clara que busca a complicidade do lector: «Plan de rescate», de Antía Yáñez. Anotación de Alba Piñeiro en «Versos e Aloumiños»

A escritora Alba Piñeiro publicou no blog Versos e Aloumiños, que dirixe Antonio García Teijeiro, unha anotación sobre o libro: Plan de rescate, escrito por Antía Yáñez e ilustrado por Xiana Teimoy. O libro gañou o remio Agustín Fernández Paz pola Igualdade 2019, está publicado por Xerais na colección Merlín.

 

Plan de rescate, de Antía Yáñez

Plan de rescate é unha novela que vén avalada por ser a gañadora da terceira edición do Premio Agustín Fernández Paz pola Igualdade 2019, convocado polo Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia.

A súa autora, Antía Yáñez, estase a converter nunha das voces novas e comprometidas dentro da narrativa infantil e xuvenil das nosas letras. Comprometida cun mundo mellor, inclusivo e plural, onde as diferenzas sumen e non existan as etiquetas.

Trátase dunha historia que é contada por unha das protagonistas, Noela, unha nena de dez anos moi curiosa e observadora que xunto  a Xeila, Héitor e Aldán, compañeiros todos da aula de apoio,aprenderán que grazas a amizade e ao traballo en equipo as dificultades se superan moito mellor entre todos, a pesar das limitacións físicas ou psíquicas de cadaquén.Ao longo dos oito capítulos, escritos cunha prosa directa e clara na que se combina o diálogo xunto á narración, o lector sentirase cómplice non só dos actos senón tamén dos pensamentos e sentimentos dos personaxes a través da vivencia dunha aventura na que por primeira vez, se van converter nos heroes do colexio onde estudan. Todo comezou coma un día máis, estando os compañeiros coa profesora na clase ata que se escoitou un ruído estraño que fixo que desaparecese a mestra e que os alumnos tivesen que actuar por si mesmos, enfrontándose aos seus medos.

     As ilustracións de Xiana Teimoy céntranse sobre todo nos personaxes aos que dota de vida.

                                                       Unha pequena mostra do dito:

Páx.19: “A Héitor simplemente, en ocasións, dálle o mal[…]Faino sen querer. Non pode evitalo. O seu cerebro envía ordes confusas ao resto do corpo…” “Ninguén sabe ben cal é a causa. Tampouco importa. É típico da xente adulta intentar entendelo todo”.

Páx.25: “Cada persoa ten os seus defectos, que lle imos facer, pensei”

Páx.56: “ Porque é máis sinxelo anoxarse cos máis que con unha mesma”

Alba Piñeiro

Comentarios pechados