Menu Xerais

Unha trama verdadeiramente interesante: «Trescatorcedezaseis», de Rocío Leira. Crítica no blog Palabra de Gatsby

O blog Palabra de Gatsby publicou unha recensión de David González Domínguez sobre o libro: Trescatorcedezaseis, de Rocío Leira, publicado por Xerais na colección Fóra de Xogo. O libro foi finalista do XI Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil.

 

‘Recensión: Rocío Leira, «Trescatorcedezaseis»

 

Persoalmente non son afeccionado ás matemáticas nin ós xogos de lóxica, pero creo que a aplicación deste tipo de enigmas a unha historia fan dela unha aventura a ter en conta. Se aplicamos isto a unha historia de asasinatos en serie, calquera lector ten a sensación de que describo unha novela de Dan Brown. Isto é polo menos o que un pode imaxinar cando le a sinopse do libro de Rocío Leira e o resultado convence, pero a medias.

A trama desta historia é verdadeiramente interesante e reflicte tamén un demorado proceso de documentación co que tecer unha historia amena pese ó contido teórico que hai nela. Esta obra, debido a súa estrutura e ó ritmo da historia, lese en moi pouco tempo e iso tamén suponse atractivo para o público xuvenil. Os capítulos son moi curtos e din moito, de feito semellan pílulas de feitos concentrados, e a linguaxe é sinxela, mais non por iso descoidada.

Na parte negativa teño que sinalar que nesta novela non existe un crecemento e desenvolvemento dos personaxes. O lector ten a sensación de que non coñece ós asasinados e dos personaxes principais ten apenas unha listaxe de motivacións e anécdotas persoais. Precisamente por iso non é nada doado empatizar con eles. Nos espazos pécase do mesmo esquematismo, pero considero este aspecto máis intranscendente polo tipo de historia que se conta.

A de Rocío Leira non é unha mala historia, mais fáltalle profundidade para ser unha boa novela. Isto é unha verdadeira mágoa porque os ingredientes para ter unha mellor novela están aí.

David González Domínguez

Comentarios pechados