Menu Xerais

Unha valente e arriscada novela: «Formigas nos pés», de Nazaret López. Artigo de Ramón Rozas no dixital Galiciaé

 

 

 

O xornal dixital Galiciaé publicou un artigo do xornalista Ramón Rozas sobre o libro: Formigas nos pés, de Nazaret López, publicado por Xerais na colección Narrativa (Foto: Galiciaé).

 

Reloxos brandos, formigas nos pés

O debut de Nazaret López na narrativa déixanos unha valente e arriscada novela na que unha muller se coloca no albo dunha sociedade chea de prexuizos e eivas asumidas como parte dela mesma, e que sitúan á protagonista nun proceso de ruptura sentimental baixo unha lupa colectiva.

TODO MUDA dentro dun proceso de confusión e desalento. Estámolo a comprobar nestes días co noso confinamento; pero calquera, ante unha situación na que a vida, a túa vida, salta polos aires, pode chegar a sufrilo dun xeito máis intenso, dende o individual e coa indolencia do resto da sociedade, que tal e como acontece neste tempo de desasosego colectivo.

Formigas nos pés é a primeira novela da xornalista Nazaret López que, ao acubillo da editorial Xerais, chega ás nosas mans para atoparnos cunha novela dunha gran intensidade, pero tamén de experimentación persoal fronte á unha situación moi concreta. É quen de envorcar toda unha vida nela, de converter o día a día nunha montaña rusa de sensacións e experiencias que se percorren coa mirada íntima da protagonista ante un mundo en derrubo. Ese feito concreto que emprega como lévedo é a ruptura sentmiental dunha muller na cincuentena, un complexo instante vital, non tanto pola súa propia situación e consideración de seu, senón por cómo esta sociedade marca e define unha serie de liñas arredor dese feito, que se entende de xeito diferente entre o home e a muller.

O tempo deixa de ser o que é. Un itinerario unidireccional converténdose nunha alteridade do cotiá, unha confusión de sentimentos que o transforman nalgo mol, como aqueles reloxes dalinianos. Perturba unha protagonista que entende cada acto do cotiá, cada movemento da súa existencia, que anterioremente era un feito livián, coma unha aventura chea de dor e de medos. Un desprazamento en coche, a anulación dunha tarxeta de crédito… convértense en maneiras de despedirse dos afectos, o desterro dos anos compartidos, os anos felices ollando enfite ao tempo presente.

Ramón Rozas

 

Deixa un comentario!