Menu Xerais

Unha obra sublime, perfecta, coa que se ensina a xogar: «Xogando con gatos», de Antón Cortizas. Crítica en Brabádegos

Brabádegos, o blog de literatura infantil e xuvenil, publica unha recensión crítica de Romina Bal sobre Xogando con gatos, de Antón Cortizas, obra gañadora do Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil.

 

 

Non hai como xogar con gatos!

Hoxe falamos no souto de toda unha biblioteca, unha biblioteca necesaria nas nosas escolas, coma o teatro, xénero descoñecido e tan esquecido, importante para as nosas pequenas. Falamos da Biblioteca Dramática Galega, que edita a Xunta de Galiza e Xerais. Xogando con gatos, de Antón Cortizas e Leandro Lamas con pentagramas de Xurxo arela e Xiana Lastra, ou o que é o mesmo o VIII Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2014. A Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) convoca anualmente e de maneira conxunta tres premios de literatura dramática que comparten como obxectivo prioritario servir de estímulo á escrita específica para o ámbito teatral: Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais —consolidado xa como o galardón de referencia para a dramaturxia en galego—, Manuel María de literatura dramática infantil e Barriga Verde de textos para teatro de monicreques (modalidades de público infantil e adulto).
Cando no souto recibimos este libro temos que confesar que a priori agardabamos unha boa obra abalada polo feito de ser premiada e pola calidade dos autores. Antón Cortizas é todo un referente na nosa LIX, cunha obra maxistralmente acompañada da imaxe e da palabra, do xogo de ambas. Leandro Lamas é un referente no país como pintor, cun estilo que namora polo seu enxeño. Os dous, este tándem perfecto, artella unha obra sublime, perfecta, e o que é mellor, coa que se ensina a xogar, a voar, a recuperar espazos coa nosa lingua, espazos lúdicos desprazados por outra lingua e por unha sociedade sedentaria e exposta desgraciadamente cada día máis á televisión.
Nesta obra de tres actos xógase co público desde o primeiro minuto, os gatos combaten o aburrimento dunha nena que non sabe a que xogar, fornecéndonos de lengalengas, xogos de palabras, rimas, maxia para construír o xogo. Maxín gatuno que na parte final borda en ouro ao darnos, agasallarnos, un cuarto acto opcional cun decálogo de como xogar en todos os recreos da Galiza, en todas as aulas de lingua, en todas as aulas de música, nos nosos parques, con seis xogos e seis partituras: O gato e o rato, O gato no regato, O can e o gato, As abelliñas do mel, Xogo do Miquiño, Quen lle pon  axóuxere ao gato.

Isto era unha vez un gato
que tiña  rabo ao revés,
vouno contar outra vez.

Isto era unha vez dous gatos
que tiñan os pés de trapo,
que tiñan o rabo ao revés,
vouno contar outra vez.

Isto era unha vez tres gatos
que tiñan as meas de través,
que tiñan os pés de trapo,
que tiñan o rabo ao revés,
vouno contar outra vez. (…)

Unha obra que recomendamos por orixinal, por divertida, por fornecer de maxia e xogo, cunhas imaxes ilustradas marabillosas, por levarnos da man como canda eramos nenos e por ser necesaria para traballar nas aulas e na vida. Todas as profes de música, todas as profes de lingua e todas as docentes ás que lles guste innovar, xogar, ilusionar e gozar co que fan deberían botarlhe un ollo, nós no souto témolo claro. Sublime!

Comentarios pechados