Menu Xerais

«Uxío Novoneyra. Revisitado» de Xosé Lois García

PRESENZA DE NOVONEYRA

XOSÉ LOIS GARCÍA OFRECE UN ACHEGAMENTO Á BIOGRAFÍA DE UXÍO NOVONEYRA, XUNTO CUNHA INTERPRETACIÓN DA SÚA OBRA E DA TOTALIDADE DO SEU LEGADO

Responsable da web dedicada a Uxío Novoneyra, teimoso divulgador da cultura lusófona e da nosa identidade en Cataluña, poeta, tradutor e ensaísta, Xosé Lois García (Lugo, 1945) ofrece nesta ocasión un libro singular que entendo como a súa particular homenaxe á figura de Uxío Novoneyra, autor que a Real Academia Galega decidiu honrar neste vindeiro dezasete de maio, xa ás portas.

Aludo á particular homenaxe de García pois este non oculta, senón que publicita, a relación de amizade que o uniu ao poeta courelao. E talvez sexa ese o elemento que contribúe a singularizar esta entrega publicada ao abeiro dunha colección titulada “Estudos literarios” que, ademais de presentar textos acaídos ao anterior epígrafe, engade tamén outros ben valiosos de corte biográfico e interpretativo. Froito desa proximidade agroma un libro que integra un abondoso corpus fotográfico e documental e no que salienta tanto unha áxil e suxestiva estrutura que non responde canonicamente a unha biografía, nin a un estudo literario nin tampouco a un libro de memorias en estrito senso, aínda que presente trazos de todos eles, como a exhumación dun abondoso conxunto de textos en boa medida inéditos como son documentos escritos e discursos, aínda hoxe dispersos, fragmentos epistolares e, abofé, un nada desprezable caudal de memoria oral á que aquí se lle dá forma para nos revelar aspectos que non só teñen que ver cos socalcos vitais do poeta senón tamén coa traxectoria social, política, cívica, literaria e artística do poeta; capítulos entre os que me permitiría salientar, polo seu interese, os dedicados a súa devoción  pola poesía medieval, ao seu pensamento, á recorrente lembranza e continua presenza do Courel nativo na súa vida e mesmo o que recupera o seu percorrido e as actividades que levou a cabo no seo dos distintos congresos dos Galeuscas literarios nos que participou.
Deste xeito, e alén dun anecdotario, tamén presente pero paréceme que só nunha incorporado na súa xusta medida e reducido ao que é autenticamente significativo salvo excepcións, ese “universo” novoneyriano ao que se nos convida a entrar vai construíndose, liberrimamente e por medio de pequenos fragmentos, a través dun diálogo con anteriores contribucións, coa propia obra do poeta e coa exposición de vivencias e interpretacións propias obtendo como resultado un repaso, de intención totalizadora, que descobre e redescobre un Novoneyra que desenvolveu un papel relevante máis alá do estritamente literario –asunto abordado aquí coa necesaria largueza e nalgúns capítulos con evidente acerto-, como son o seu posicionamento como firme defensor da lingua galega ou o labor protagonizado como crítico de arte, recitador –ou “dicidor” como el gustaba de afirmar-, gravador  e impulsor de numerosos proxectos culturais.

Novoneyra conta, xa que logo, cunha “revisión” acaída e que subliña a súa relevancia para o noso sistema literario e para a nosa cultura de maneira que se proxecta cara nós con argumentos e forza propia nestes días que andamos. Deste Uxío Novoneyra. Revisitado quedo tamén cun pensamento do autor de Os eidos rescatado nestas páxinas, entre moitos outros, e ben acaído para a reflexión: “residimos tanto na Lingua como na Terra”. Ramón Nicolás

Texto de Ramón Nicolás publicado o 13 de marzo de 2010 no suplmento «Culturas» de La Voz de Galicia.

Comentarios pechados