Menu Xerais

«Vaia tropa!», de Antón Cortizas: poemas para ler de esguello ou que precisan dun espello

El Correo Gallego inclúe hoxe unha recensión de Isabel Soto sobre Vaia tropa! de Antón Cortizas.

Poemas para ler de esguello ou que precisan dun espello

A sorprendente lectura e as ilustracións converten ‘Vaia tropa!’ nunha orixinal proposta para xogar, viaxar e imaxinar

O ano 2011 deixará un balance de poemarios destacables por incidiren na dimensión máis lúdica da poesía, un xénero sempre necesitado de amparo na LIX galega. Camiñando por esta verea, Xerais presenta na colección “Merlín”, Vaia tropa!, volume que asina Antón Cortizas (Ferrol, 1954) na compaña da ilustradora Mª Reyes Guijarro (Sevilla, 1975).

Nel atopamos setenta poemas precedidos dunha dedicatoria que adianta os seus habitantes: unha cumprida e particular tropa de tolos e tolas que, no entanto, sofren dunha especial rama da doenza que os sitúa ben lonxe do convencional, espertando sorrisos a través dos xogos con palabras e sons e das reviravoltas da realidade. Neste sentido, o poemario dialoga co absurdo, como é sabido, un dos ingredientes na LIX de todos os tempos e latitudes e, se cadra, a liña temática que ten achegado realizacións máis acaídas e universais.

Porén, Cortizas amplía os límites da súa proposta engadindo poemas que nos obrigan a realizar unha inédita ximnasia libresca, pois nuns cómpre afastar o libro, pegalo a rentes dos ollos, darlle a volta ou mesmo xiralo, mentres que noutros debemos aguzar a vista para descubrir o que as liñas riscadas ocultan ou incluso ler en vertical.

Para algunhas destas actividades precisaremos a cartolina en cor prata que fai de espello e que acompaña o libro, necesaria tamén para descubrir a maxia das imaxes anamórficas e as súas ilusións ópticas, que abraian cando se despregan e nas que se intúe a complexidade de realización. O resto de imaxes salientan a dimensión absurda dos poemas ou conceden protagonismo a determinados detalles e, neste sentido, constitúen un complemento perfecto dos textos.

Antón Cortizas dialoga coa tradición poética empapando os seus versos con recursos de base popular, tales como rimas absurdas, palabras inventadas ou aliteracións fonéticas e silábicas constantes, situando, a carón de referencias á xeografía galega, outras que nos fan viaxar a lugares como Rusia, China, Porto, Lisboa, Sevilla ou Marsella, onde viven personaxes igualmente interesantes e insólitos. Todos eles dispoñen de cadanseu retrato versificado no que se adoita incluír a súa profesión e/ou a característica que os singulariza.

Deste xeito, nun molde que vén de vello caen condutas actuais enfocadas desde un humor moi serio, sen renunciar á narratividade nin a inserir espazos baleiros nos que o lectorado debe asumir un papel activo e empregar a imaxinación para descubrir o tolo protagonista.

O retranqueiro prólogo que se antepón aos poemas funciona como axeitada entrada á obra, ao tempo que enuncia a poética dun autor para o cal non deixa de ser como unha manía, pretender que lea a xente poesía. Nel atopamos, ademais, as instrucións para achegarse a esta divertidísima e literaria tropa.

Isabel Soto

Comentarios pechados