Menu Xerais

«Vento e chuvia», de Manuel Gago, «Tastarabás», de Antón Cortizas e a escritora Berta Dávila, galardoados nos Premios Ánxel Casal da Noite da Edición 2014

Vento e chuvia. Mitoloxía da Antiga Gallaecia, de Manuel Gago e con ilustracións de Manel Cráneo, editado por Edicións Xerais, recibiu o venres á noite en Betanzos o Premio Xosefa Vilarelle ao mellor libro educativo do ano. Así mesmo, Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais de Antón Cortizas, tamén editado por  Edicións Xerais,  recibiu o Premio Rosalía de Castro á mellor iniciativa editorial co que se pretende recoñecer o traballo de edición durante o ano 2013. En canto ao mellor autor ou autora do ano, o galardón recaeu na escritora Berta Dávila de quen Xerais publicou en 2013 o poemario Raíz da fenda.

En Vento e chuvia. Mitoloxía da Antiga GallaeciaManuel Gago imaxina os soños, as lendas e os mitos da Idade do Ferro, como un reporteiro de viaxes que leva a súa gravadora ao interior destas cabanas castrexas. Un minucioso traballo de documentación histórica foi o paso previo para deixar voar a imaxinación e entrar nun universo cultural mítico, onde o vento e a chuvia nos traen versos, memorias e a recuperación de centos de nomes de persoas, cidades e seres míticos da Galicia previa á invasión romana, ata agora descoñecidos polo gran público. As ilustracións de Manel Cráneo recrean este mundo con formas e cores poderosas que nos fan viaxar no tempo.

Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais de Antón Cortizas, é o froito de dez anos de traballo. Nesta obra, o autor, ao longo de máis de mil páxinas, ofrece un extenso catálogo dos brinquedos e enredos diversos que forman parte da nosa tradicional cultura lúdica. Máis de 2.500 fotografías acompañan os arredor de 1.000 brinquedos, enredos e mesmo brincadeiras efémeras que compoñen o volume, todos eles descritos de forma pormenorizada e completados con informacións sobre o seu uso, a dificultade de construción, as súas variantes, os lugares de recolla das informacións, anécdotas dos informantes relativas aos xoguetes descritos e tamén textos literarios ou doutra índole, nos cales un gran número de autores se refiren a eles. É un libro de divulgación que recompila nun só volume a meirande parte dos xoguetes tradicionais que formaron e forman parte da nosa cultura, clasificados en brinquedos do mundo animal, vexetal e inanimado, brinquedos de enxeño e habilidade, bonecas, brinquedos de desprazamento e transporte, arsenal infantil, brinquedos sonoros e xoguetes ou elementos para xogos regrados, entre outros.

O gremio editorial galego celebrou o venres 21 a IX edición dos Premios  Ánxel Casal, nun acto no cal a Asociación Galega de Editores reúne anualmente a diversos colectivos relacionados con mundo do libro e a cultura galega. O acto tivo lugar no Liceo de Betanzos e nel participaron  autoridades do mundo do libro, a cultura e a política de Galicia.  Estivo presidido polo Alcalde de Betanzos, José Ramón  García Vázquez; Manuel Bragado, presidente da AGE e o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Tamén asistiron ao acto o director de marketing de GADIS, Antonio Cortés;  Concelleiro de Cultura da cidade, a  Vicepresidenta da Asociación de Escritores en Lingua Galega,  o  presidente do Clúster Gráfico, a directora das Bibliotecas Municipais da Coruña, a presidenta da Federación de Libreiros e outros integrantes do gremio de editores, escritores e representantes da vida cultural galega. O grupo vocal EntreElas, da Coruña, presentou e amenizou a velada.

 

PREMIADOS:

Premio ao  Libro de ficción co que se pretende recoñecer o mellor libro de ficción editado polos editores da AGE no ano 2013..

O derradeiro libro de Enma Olsen, editado por Galaxia, de Berta Dávila

Premio ao libro de non ficción co que se pretende recoñecer o mellor libro de non ficción editado polos integrantes da AGE durante o ano 2013

Cantares Gallegos hoxe. Unha lectura actualizada de Rosalía de Castro, editado por Alvarellos Editora, de Pilar García Negro. 

Premio ao Libro de poesia ou teatro, co que se pretende recoñecer o mellor libro de teatro no ano 2013

Sobreruínas, editado por Alvarellos Editora, de Xesús Rábade Villar, 

Premio Isaac Díaz Pardo libro mellor ilustrado co que se pretende recoñecer un libro ilustrado editado polos membros da AGE e publicado en galego durante o ano 2013.

Pan de millo, editado por Kalandraka, de Dani Padrón.  

Premio Neira Vilas ao mellor libro infantil e xuvenil co que se pretente recoñecer un libro infantil editado polos membros da AGE durante o ano 2013.

O pantasma da Casa da Matanza, editado por Biblos, de Miro Villar e Xosé Cobas.

Premio Lois Tobio o libro traducido co que se pretende recoñecer un libro traducido para o galego editado no ano 2013.

A tradución do Ulises, de Joice, editado por Editorial Galaxia, e traducido por María Alonso Seisdedos, Eva Almazán, Xavier Queipo e Antón Valle. 

Premio Xosefa Vilarelle ó libro educativo, co que se pretende recoñecer ó mellor libro educativo do ano 2013.

Vento e chuvia, editado por Edicións Xerais, de Manuel Gago.

Premio Xosé María Álvarez Blázquez ó autor ou autora co que se pretende recoñecer a traxectoria creativa dun autor ou autora durante o ano 2013.

Berta Dávila.

Premio Rosalía de Castro á mellor iniciativa editorial co que se pretende recoñecer o traballo editorial durante o ano 2013.

Tastarabás. Enciclopedia de Brinquedos, editado por  Edicións Xerais, de 

Premio Francisco Fernández del Riego á difusión do ámbito editorial e cultural do ano 2013 co que se pretende recoñecer o traballo realizado por unha persoa, empresa, entidade ou colectivo ao longo do ano 2013

Comentarios pechados