Menu Xerais

Xerais aposta por boas historias para o público máis novo. Reportaxe no xornal «Nós Diario»

O xornal Nós Diario publicou unha reportaxe sobre as novidades das editoriais galegas para o tempo de lecer, con mención a varios títulos publicados por Xerais.

 

As editoriais procuran público entre a nenez e a mocidade

As editoras Xerais, Galaxia e Baía fornecen a poboación galega dun bo número de títulos para o seu tempo de lecer. Aliás, anuncian importantes novidades para un setembro dentro da normalidade

Moitas nenas e nenos, e mesmo a mocidade galega, volveron coller o hábito de ler co confinamento. Malia que non houbo tanto movemento de volumes nas aulas polo irregular do curso, agora algunhas das editoriais galegas máis importantes apostan por ofrecerlles boas historias a estas pequenas lectoras para que sigan enganchados aos libros durante o estío. As obras para elas son as que predominan entre as novidades de Xerais e Baía EdiciónsGalaxia abre máis o abano. Aliás, anúncianse novas coleccións para todos os públicos de cara a setembro.

Este verán non vai haber ninguén que quede sen ler en galego ou, polo menos, as e os de menor idade vano ter ben coa cantidade de libros que se publicaron e que van estar presentes nas próximas feiras do libro que decorran na Galiza.

Son Editorial Xerais e Baía Edicións as que están a procurar fanáticos fieis nese nicho de mercado mozo, mentres que a Editorial Galaxia prefire facer unha oferta máis homoxénea.

Cando soa a buguina, de X.H. Rivadulla CorcónO mundo máxico de Lía, que saíu do maxín de Eduardo Santiago, Wolfram. Espías, nazis e maquis, un cómic de Alberto Varela Ferreiro, son só algúns dos títulos que a poboación poderá atopar nas librarías se pregunta polas novidades editoriais de Xerais. Todos eles están destinados a darlle o cambio polos videoxogos ao público máis mozo.

Tamén vai para esa vertente a Alcaldesa vermella de El Hematocrítico, pero a carapuchiña sindicalista do bosque ten todas as características precisas para converterse nunha protagonista moi querida polas maiores.

Para compensar a balanza publicáronse 48 horas, unha novela sobre unha desaparición no entorno da Lagoa da Antela, na Limia, de Cándido Paniagua, e posibelmente a novela máis atrevida do que fora xefe superior da Policía na Galiza, Luís Manuel García Mañá, Non fales o que non debes, con pantasma incluída. Tamén destaca, entre outras pezas, o coral Tecermos redes, crearmos comunidade. Estudos sobre a obra de María Reimóndez.

Grandes estreas

Con independencia dos interrogantes que hai para o futuro, fontes das editoriais aseguran que van seguir a traballar para sorprender galegas e galegos con grandes novidades para setembro.

O inicio do curso poderá ser particular, pero as axendas vanse ir cadrando. Malia que haberá títulos previstos para este ano que non deixarán as imprentas até 2021, o certo é que a cidadanía non se vai poder queixar das novidades que haberá no mercado. Se hai que volver fecharse, que sexa ben acompañadas e acompañados de literatura de calidade.

Xerais inaugurará polo menos dúas novas coleccións. O reino medieval de Galicia de Xosé Miguel Andrade Cernadas e Anselmo López Carreira servirá para lanzar ‘Contamos a nosa historia’. Esta liña que falará sempre do país e está dirixida por Isidro Dubert, que lograra un grande éxito con Historia das Historias de Galicia. Ao tempo vai ver a luz a colección ‘Benvido ao outro barrio’ que terá varios libros dos Minimortos de Ledicia Costas e ilustrados por Mar Villar para darse a coñecer.

Cun aceno ás persoas que traballaron arreo –e que seguen a traballar– contra a Covid-19 e un cachiño de imaxinación para sorprender a nenas e nenos, Alberto Avendaño e Gogue atreveranse a montar A tropa contra o virus para acabar co coronavirus que tantos desgustos deu este ano tan peculiar.

Comentarios pechados