Menu Xerais

Xerais dá por concluída a campaña viral en Internet sobre «Ninguén», de Fran Alonso

A piques de rematar este ano 2011, Xerais dá por rematada a primeira campaña viral que se fixo con motivo da promoción de Ninguén, o novo libro de Narrativa de Fran Alonso. Esta campaña, denominda «Hoax Ninguén», é a primeira de carácter viral centrada na rede que leva a cabo unha editorial galega; Xerais valora moi satisfactoriamente os seus resultados dada a resposta e a acollida que tivo en Internet. A campaña péchase agora, antes de cumprirse o prazo do 2 de xaneiro, porque chega ao tope máximo do número de exemplares cos que se agasallaba aos internautas que participasen nela, un total de 250.

A campaña para promocionar Ninguén (2011), que non se publicitou e unicamente se fixo circular a través do correo electrónico, consistiu en que Xerais enviaba de forma totalmente gratuíta 1 exemplar de Tráiler (ata un total de 250 exemplares), dedicados e asinados polo autor, cando se cumpren 20 anos desde a súa publicación ao gañar Fran Alonso en 1991 Premio Blanco Amor de Novela.

O sentido desta campaña está precisamente en que o último libro de Fran Alonso, Ninguén, aborda os actuais xeitos de relación entre as persoas nas sociedades urbanas e o modo en que a cidade e a tecnoloxía inflúen para mudar os medios que empregamos para comunicarnos. Internet ten unha importancia crucial no libro, que está guiado polos hoax ou bulos que circulan pola rede, creando esa desconcertante confusión entre realidade e ficción que a rede potencia.

Nesta campaña, Xerais puxo a circular a través do correo electrónico un «hoax verdadeiro», asegurando que se lle regalaría un exemplar de Tráiler a aquelas persoas que axudasen a difundir a mensaxe, tal e como se fixo. A valoración é moi positiva e os libros de agasallo foron enviados non só a Galicia senón tamén a diversos lugares de España, Portugal ou América. Xerais quere agradecer a colaboración de todas as persoas que participaron na difusión da campaña.
Ninguén foi recibido, desde a súa publicación hai dous meses con moi boas críticas e con moito interese polo debate que propón a través dos seus personaxes, en torno á rede e aos novos xeitos de comunicación das persoas.

Comentarios pechados