Menu Xerais

Xerais edita un libro de contos póstumo do narrador de Nogueira de Ramuín: «Ulcis», de Xosé Fernández Ferreiro. Anotación no xornal «La Voz de Galicia»

O xornal La Voz de Galicia publicou unha anotación asinada por Héctor J. Porto sobre o libro: Ulcis, de Xosé Fernández Ferreiro, publicado por Xerais na colección Narrativa. O artigo pode descargarse nesta ligazón.


Os mundos escuros e surrealistas de Ulcis selan o círculo vital de Xosé Fernández Ferreiro

Xerais edita un libro de contos póstumo do narrador de Nogueira de Ramuín

 

Alá polo 2014, no coruñés café Manhattan, nun daqueles encontros diarios que mantiña desde a xubilación co poeta Manuel Álvarez TorneiroXosé Fernández Ferreiro(Nogueira de Ramuín, 1931-A Coruña, 2015) comentoulle ao escritor Francisco X. Fernández Naval, Chisco, que andaba a rematar un libro de contos breves. A morte non lle deu tempo a ultimar a súa publicación. Boa sorpresa levou Fernández Naval cando, como testamenteiro do seu paisano ourensán, atopou os relatos dos que falaba e viu que tiñan como fío condutor a Ulcis, unha invención mítica de Ferreiro que enlaza a súa derradeira obra cos seus comezos, naqueles días madrileños da camarilla de Brais Pinto, nos que Ulcis aparecía xa no seu segundo libro de poemas. «Péchase así, dunha forma fermosa, un círculo vital e creativo, porque é este ademais un mundo no que traballou toda a súa vida, aínda que durante un tempo amplo achou na crónica xornalística e na novela, e no camiño da memoria histórica, un espazo no que se encontrou moi cómodo», lembra Chisco Fernández Naval, que preparou a edición de Ulcis para o selo Xerais.

Aínda vai máis aló o editor, quen ve como un motivo engadido de celebración que a súa chegada ás librarías coincida cun novo libro, tamén póstumo, o poemario Clave de bóveda, de Torneiro, o gran amigo de Ferreiro, ambos os dous escritores e xornalistas en La Voz de Galicia. «É unha conexión de destinos fantástica, un fío precioso que os une, que os uniu sempre, dous homes de rexo carácter, discretos, de firmes sentimentos e crenzas, que nunca perseguiron a notoriedade, pero que, caladamente, deixan unha obra moi sólida e orixinal, única no sistema literario galego», enxalza.

Fernández Naval explica que o mundo de Ulcis, escuro, surrealista, alucinado, enterra as súas raíces na aldea como subconsciente colectivo do país. «Está -di- cheo de luces e sombras, desde os recordos da infancia, a familia, os amigos, os afiadores, ata os asasinatos pola terra, polos marcos, a morte, as feridas da guerra, as historias de zoofilia… É unha especie de substrato do noso ser individual e colectivo, desde un punto de vista psicanalítico, algo turbio que subxace debaixo de nós e que el saca fóra».

Niso, Xosé Fernández Ferreiro, Pepe para os achegados, era un pioneiro. A súa primeira novela, A morte de Frank González(1975), era un western. Fíxoo de maneira premeditada -anota Fernández Naval- porque pensaba que as letras galegas debían rachar a barreira do culto, volver á literatura popular, entrar nos quioscos e achegarse á xente. «Quería recuperar un vínculo que ao mellor no século XIX, coa novela por entregas, existira, pero que se perdera. Idéntica motivación estaba detrás de Reportaxe cósmico (1983), unha obra de ciencia ficción da que aseguraba que, como todas as de ciencia ficción, era mala, o que non lle impedía crela necesaria. A mesma Agosto do 36 (1991), un dos seus títulos senlleiros, semella, pola súa forma de narrar, un western, é como un filme do oeste», incide Fernández Naval, que anota que Ferreiro era un amante acérrimo do cinema, especialmente das películas de vaqueiros e indios.

En todo caso, di Fernández Naval, en Ulcis están «as claves para interpretar a obra de Pepe», o mundo da nenez, o terror, a guerra, a sociedade labrega galega non sempre idílica, o río Sil, os afiadores e algúns autores aos que apreciaba moito. É o caso de Valle-Inclán, cuxa tumba ía visitar ao cemiterio de Boisacapara conversar con el -«incluso en varios contos hai certo grao de esperpento nesa visión como deformada das cousas que están por debaixo do que percibimos», engade.

O perfil de escritor relativamente baixo de Pepe Ferreiromantén a súa obra nun segundo plano, admite Chisco Fernández Naval, pero, obxecta, os seus libros seguen a lerse cando se cumpriron -onte, 16 de decembro- cinco anos do seu pasamento. De feito, non hai en Galicia moitos autores con tanta produción narrativa. E a novela Agosto do 36 levou este 2020 ao prelo a súa 17.ª edición, o que é pouco usual.

Comentarios pechados