Menu Xerais

Xosé Lois García fala do seu amigo Uxío Novoneyra

Xosé Lois García, autor de Uxío Novoneyra. Revisitado, fala do seu amigo, o poeta do Courel, na entrevista que Francisco Albo publica na edición de Lemos de La Voz de Galicia. Reproducimos o texto polo seu indubidable interese:

O escritor chantadino Xosé Lois García acaba de publicar a súa particular achega ás celebracións do Día das Letras Galegas do 2010. O seu extenso libro Uxío Novoneyra revisitado traza un singular retrato do poeta do Courel que combina moitos recordos e anécdotas persoais con aproximacións críticas a aspectos pouco estudados da súa obra.

¿De cando data a súa relación persoal con Novoneyra e que influxo tivo na elaboración do libro?

–Coñecino en Lugo en 1973 e foi Ánxel Fole quen nos presentou na rúa. Desde entón mantivemos unha amizade que foi moi importante para min e convivín moi a miúdo con el. Trateino ata o día da súa morte e de feito fun unha das persoas que o asistiron cando faleceu. No libro falo de moitas conversas persoais que tivemos sobre todo tipo de cousas -literatura, arte, política, filosofía…- e recollo opinións e comentarios que lle oín cando estábamos reunidos con moi pouca xente ou sen ningunha outra persoa presente. Son detalles que creo que poden ser de interese para completar a súa biografía e para valorar a súa obra, porque hai cousas que antes non se recolleran por escrito en ningún sitio.

O libro ten un capítulo enteiro sobre a relación do poeta coa cidade de Lugo.

–Lugo foi moi importante na súa vida, porque alí foi onde fixo os seus estudos, onde se interesou pola literatura -sobre todo na biblioteca do Círculo das Artes-, onde casou e naceron os seus fillos… Frecuentou moito a cidade e participou na súa vida cultural, asistindo ás tertulias literarias do hotel Méndez Núñez xunto con Manuel María, Fole ou Celestino Fernández de la Vega. Na traxectoria vital de Novoneyra, Lugo é unha das tres cidades máis importantes, xunto con Madrid e Santiago.

–Na obra tamén se menciona, entre moitos outros lugares, a súa relación con Chantada.

–Chantada era unha terra que el apreciaba moito e viña visitarme a miúdo á miña casa de Merlán. Pero el xa coñecía moi ben a terra de Chantada antes de ter trato conmigo. Nos anos 50 xuntábase con Manuel María, Fole e outros e ían de excursión de aquí para alá, visitando todos os recantos da provincia. Daquela xa tiña moito trato con Chantada e ata deu algún recital de poesía no Casino. O que recordará aínda moita xente de Chantada é que Novoneyra foi pregoeiro das festas da vila en 1984.

Un aspecto singular do libro é que tamén analiza a influencia da poesía clásica de China e Xapón na obra literaria de Novoneyra.

-É un aspecto importante ao que ata agora case ninguén lle prestou atención, aínda que o propio Novoneyra recoñecía ese influxo e falou del en conversas que menciono no libro. Ese influxo chegoulle sobre todo a través dalgúns escritores franceses do século XX que beberon moito nas literaturas orientais. A poesía breve e concentrada de Novoneyra ten similitude cos haikus dos poetas chineses e xaponeses e o seu sentimento da paisaxe e da natureza ten moito en común coa poesía oriental influída polo zen, unha corrente filosófica vinculada ao budismo. Pero tanto na brevidade dos poemas como no sentimento da natureza tamén estivo moi influído polo poeta de Mondoñedo Antonio Noriega Varela.

Comentarios pechados