Menu Xerais

Xurxo Souto leva os «Contos do mar de Irlanda» a Barcelona

O xornal Sermos Galiza publica unha información sobre a presentación do libro Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto en Barcelona a través dunha performance interactiva.

 

 

CUMPRE A SÚA 5ª EDICIÓN

Xurxo Souto leva os Contos do mar de Irlanda a Barcelona

Esta cuarta feira, 14 de outubro, Xurxo Souto levará a Barcelona o arrecendo do mar cunha nova presentación de Contos do Mar de Irlanda. O escritor cóntanos que a de Barcelona será a 75ª “perfomance interactiva” nas que converte as presentacións do libro, que vén de sumar a súa quinta edición.

Emocionado. Así define Xurxo Souto o seu estado apenas dous días antes de presentar Contos do mar de Irlanda en Barcelona. “En Barcelona cumprirei a 75 perfomance de presentación do libro e ademais celebro a súa quinta edición”, salienta o autor, que levou os Contos do mar de Irlanda “da ribeira á montaña”.

As presentacións do libro convértense, en palabras do escritor, “no hipertexto sublimado”. Recoñece que gosta das presentacións nos lugares do interior. “Cando foi a presentación do Courel, souben na Casa do Calexón como enchían o balcón de follas de bacallau”, exemplifica. “Decátaste en cada presentación que o mar está en todas as partes, tamén na montaña”, engade.

Xurxo Souto explica que as presentacións do libro, que rematan en interacción co público, serven para aprender novas historias do mar, “boa parte de nós vive ao lado do mar, pero ninguén nos informa del”. Cóntanos que en Corrubedo soubo da existencia dunhas cancións que falan de Terranova e que se fixeron en Euskadi. “Isto é unha especie de océano para terrícolas”, salienta.

Nestas presentacións-diálogo co público, o escritor trata de cambiar o enfoque que hai sobre o mar, “o mar non pode ser algo bucólico e costumista”. “O mar é futuro e temos que cultivalo para ser máis felices”, sinala Xurxo Souto, que insiste en apuntar ao mar como fonte de riqueza. Cítanos o caso da ría do Burgo, na Coruña, onde hai dúas décadas traballaban máis de 2.000 mariscadoras e mariscadores e onde, a día de hoxe, non chegan ás cen.

O documentario “Gaiteiros do Mar” estrearase no Festival de Cans

Xurxo Souto revélanos que, como libro aberto que é, Contos do mar de Irlanda deu pé ao documentario Dos gaiteiros do mar”, de Martín Rodas e Dani Lavesedo, unha fita que será estreada no Festival de Cans. Confesa que agora quedan por culminar “dous soños máis”: a exposición en Vigo de Ksal e Terranova que fixo a súa obra a bordo dos barcos e facer unha representación de “Océano para terrícolas” na que chama “a verdadeira capital –esquecida- do mar: Bouzas”.

O acto de Barcelona, organizado pola AC.GB (Asemblea Cultural Galega de Barcelona), terá lugar esta cuarta feira ás 19.30h no Patí Llimona, Carrer del Regomir. A presentación terá continuación o día após cunha gran festa.

Comentarios pechados